O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que axentes das brigadas da Consellería e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participan de forma voluntaria desta iniciativa para colaborar cos colexios da provincia no reparto de libros e outros elementos que os estudantes deixaran nos centros.
Os axentes entregan o material nos domicilios dos escolares, para que poidan seguir facendo uso del desde as súas casas. A Xunta puxo este servizo á disposición dos centros educativos lucenses que imparten as etapas de educación infantil e primaria, para evitarlles desprazamentos ás familias e tamén para evitar que puntualmente puideran concorrer demasiadas persoas nas instalacións.
As familias que estean interesadas deben poñerse en contacto telefónico co seu centro educativo. Desde as direccións coordinarán a recollida e entrega coa Xefatura Territorial de Medio Ambiente na provincia.