Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de reabrir o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de rehabilitación de firme na autovía Ferrol-Vilalba ao seu paso por Lugo, no tramo que vai do enlace de Cabreiros ao enlace coa A-8, por un importe de preto de 1,3 millóns de euros.
A Xunta reabriu hoxe o prazo de presentación de ofertas para realizar esta actuación, xa licitada, pero afectada inicialmente pola suspensión de prazos nos procedementos administrativos coa declaración do estado de alarma.
A reactivación do procedemento, que recolle xa a Plataforma de contratos públicos da Xunta, establece que as empresas interesadas na execución deste proxecto poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 22 de maio. As obras dispoñen dun prazo de execución de 6 meses, a contar desde a formalización do contrato de adxudicación.
O obxecto desta actuación é a mellora das condicións de confort e comodidade mediante o reforzo de firme localizado da AG-64, entre os puntos quilométricos 42+500 e 55+900, sendo a lonxitude total dos treitos da actuación de preto de 15 quilómetros.
Máis en concreto, o contrato recolle a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición do firme existente con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades.
Ademais, como actuacións complementarias executarase o repintado da sinalización horizontal e unha mellora puntual da drenaxe. Tamén se reporá a sinalización vertical na estrada LU-540.
