Lugo, 8 de maio de 2020. A Xunta de Galicia leva entregadas 106.292 unidades de material de protección contra o coronavirus ás residencias e centros asistenciais da Mariña de Lugo desde o inicio da crise sanitaria.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que desde a primeira achega, a principios de abril, lévanse repartido en 27 centros desta área un total de 48.100 luvas, 50.200 mascarillas cirúrxicas, 623 mascarillas FFP2, 1.941 batas, 371 mandís, 1.300 gorros, 2.900 calzas, 85 pantallas faciais, 449 botes de xel hidroalcohólico de medio litro e 323 garrafas de desinfectante de 5 litros.
Estas cifras inclúen un novo envío realizado esta semana -o sexto-, que supuxo a entrega de 19.056 unidades de protección a 17 centros mariñáns. Entre o equipamento distribuído nesta ocasión contabilízanse 10.300 luvas, 7.500 mascarillas cirúrxicas, 61 mascarillas FFP2, 511 batas, 10 mandís, 200 gorros, 400 calzas, 4 pantallas faciais, 54 botes de hidroxel e 16 garrafas de desinfectante.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.
Balseiro salientou que estes repartos están a chegar a todas as residencias de titularidade pública e privada da provincia de Lugo que constan no rexistro autonómico, incluídas as de propiedade municipal ou da Deputación e as dependentes da Consellería de Política Social.
Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.