Lugo, 14 de maio de 2020.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reuníronse hoxe por videoconferencia con entidades sociais da provincia luguesa para trasladarlles que ata o día 11 de xuño poden solicitar as axudas convocadas pola Administración galega para financiar actividades de inclusión social.
A xuntanza serviu tamén para coñecer as inquedanzas e necesidades plantexadas por estes colectivos sen ánimo de lucro e poñer á súa disposición a colaboración da Xunta. No encontro estiveron presentes Cáritas Lugo, Cruz Roja, Fundación Juan Soñador, Asociación Promoción e Integración Gitana e Aliad-Ultreia.
Na reunión informóuselles da nova orde de axudas que vén de publicar esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG), dotada con 18,3 millóns de euros para financiar actividades nos vindeiros dous anos dirixidas ás persoas e familias en situación ou risco de exclusión.
Ambos representantes autonómicos destacaron que se trata da maior convocatoria de subvencións para inclusión social da historia, que aumenta nun 22% o orzamento con respecto á anterior, a de 2018-2020. Trátase da sétima vez consecutiva que se aumenta o crédito desta liña de subvencións, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
As entidades sociais que resulten beneficiarias destas axudas poderán destinalas a cubrir gastos de funcionamento dos centros de inclusión e emerxencia social, así como actuacións singulares que complementen os servizos sociais básicos. Estas achegas tamén se poden destinar ao financiamento de servizos de formación adaptada; intervencións en zonas de exclusión e apoio á inclusión sociolaboral; actuacións de inclusión da poboación inmigrante e investimentos en centros de inclusión e emerxencia social.
Así mesmo, destacaron que o reforzo desta orde de axudas contribuirá a paliar as consecuencias que está a ter a pandemia do COVID-19 nos colectivos máis desprotexidos, como son as persoas sen fogar, en risco de exclusión ou inmigrantes.