Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta convoca un seminario web para explicar aos comerciante e autónomos da provinicia as medidas de apoio para a reactivación económica

 Lugo, 23 de maio de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca aos comerciantes e autónomos de Lugo a un seminario web que se celebrará o vindeiro martes 26 de maio, ás 18.00 horas, a través da plataforma institucional para videoconferencias da Xunta, Cisco Webex.

Ese encontro, aberto a calquera persoa interesada, servirá para explicar as medidas de apoio da Xunta de Galicia para avanzar na reactivación económica. Contará coa participación do conselleiro, Francisco Conde; o delegado territorial, José Manuel Balseiro; a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez, e o director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes.

Balseiro explicou que se trata dunha convocatoria específica para os empresarios lucenses e o acceso á plataforma é sinxelo e gratuíto, a través do enderezo electrónico https://xunta.webex.com/xunta/onstage/g.php?MTID=e39aefdfbcc24ee99e203ab4e9c8fd30a

O obxectivo da reunión é explicar de primeira man as principais accións de choque acordadas pola Xunta e resolver as dúbidas ou consultas que poida xerar cuestións como os programas de axuda ou a seguridade no traballo.

Entre outras iniciativas, a Xunta aprobou un plan de dixitalización que vai mobilizar 40 millóns de euros para que o sector do comercio, os autónomos e as pemes poidan acceder ás novas tecnoloxías. Tamén se incentivarán a internacionalización e selección de mercados e canles de venda.

Ademais, para mitigar as consecuencias do cese de actividade, o Goberno galego activou unha inxección inmediata de liquidez a través dunha liña de préstamos de ata 200.000 euros para pemes e autónomos co 100 por cento dos intereses bonificados pola Xunta.

Exit mobile version