Lugo, 27 de maio de 2020. A Xunta de Galicia realiza esta semana unha nova achega de material e equipos de protección individual (EPIs) fronte ao coronavirus a todos os concellos da Mariña, distribuíndo nesta ocasión 7.500 unidades. En concreto, estanse entregando 4.450 máscaras cirúrxicas e pantallas faciais, 2.900 guantes e 170 traxes e batas antisalpicaduras.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que o Goberno galego leva dous meses realizando esta entregas periódicas que superan xa as 62.100 unidades de protección distribuídas na Mariña, entre as que destacan 32.500 guantes, 27.100 máscaras e pantallas faciais, 1.500 traxes e batas antisalpicaduras, e produtos de desinfección.
O material está sendo destinado para o seu uso, principalmente, nos servizos de Axuda no Fogar, Protección Civil e Policía Local, pero tamén noutros que resultan igualmente esenciais, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios
A Xunta colaborou dende o primeiro momento cos municipios ante as dificultades que tiñan para conseguir por si mesmos os elementos de protección que precisaban, especialmente nas primeiras semanas nas que o mercado estaba desabastecido. O Goberno galego puxo en marcha unha plataforma loxística para centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual e axilizar o subministro a todos os concellos.
Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e teñen en conta aspectos como a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.