Lugo, 27 de maio de 2020. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríquez, destacou hoxe que as persoas falecidas pola pandemia do COVID-19 merecen o recordo e o respeto de toda a sociedade española. Isabel Rodríguez presidiu este mediodía o minuto de silencio convocado pola Subdelegación do Goberno en memoria de todas as persoas que faleceron pola pandemia do coronavirus.
Despois de gardar o minuto de silencio, a subdelegada lembrou que hoxe é o primeiro dos 10 días de loito xeral declarados polo Goberno na memoria das vítimas da pandemia. Por este motivo, as bandeiras oficiais da Subdelegación do Goberno, igual que as do resto de edificios públicos, ondean a media asta desde hoxe e durante as dez xornadas de loito.
A subdelegada explicou que con este acto simbólico “queremos recordalos a eles e darlles o noso pésame ás súas familias por unha perda tan dolorosa. Que teñan a seguridade de que non están sós na súa dor, senón que é compartida por todos nós, polas autoridades e por toda a poboación”.
“Quero que saiban que a enfermidade arrebatoulles a vida, pero nunca os esqueceremos. Estamos moi apenados por tantas vidas perdidas que merecen o recordo e o respeto de toda a sociedade lucense e española”, engadiu a subdelegada que animou a todos os lucenses a permanecer unidos e a seguir cumprindo as normas sanitarias e mantendo o comportamento cívico o que nos axudará a superar esta grave crise sanitaria.
Neste acto simbólico participaron, xunto con persoal da Subdelegación do Goberno, o comisario xefe provincial da Policía Nacional, José María Esteban; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel Gonzáles Arias, e a deputada provincial Pilar García Porto.