Lugo, 5 de maio de 2020. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou este mediodía de que hoxe remata a primeira fase de entrega de mascarillas da nova campaña que se está a desenvolver esta semana na provincia de Lugo, na que se fará chegar aos lucenses 104.000 destes elementos sanitarios.
A subdelegada anunciou que, logo do reparto feito onte e hoxe, o mércores comezará unha nova fase, na que se van distribuir mascarillas a entidades sociais e asistenciais para facilitarlles o seu labor de voluntariado e de xestión desta emerxencia sanitaria.
Isabel Rodríugez lembrou que o obxectivo desta segunda campaña de distribución de mascarillas na provincia, logo da realizada o pasado mes de abril na que se fixeron chegar outras 74.000 aos lucenses, é facilitar a protección dos cidadáns “porque hai que poñer todos os medios para evitar os contaxios” e advertiu que “aínda que a situación mellora, sería unha irresponsabilidade baixar a garda”.
Ao concluir a segunda xornada de reparto nas rúas, Rodríguez anunciou que “o noso próximo obxectivo é un novo reparto, que comezará mañá e terá como destino entidades sociais e asistenciais”.
A subdelegada explicou que desde primeira hora deste martes, a Subdelegación puxo en marcha, como tamén fixera onte, un gran operativo humano en medios de transporte, accesos a polígonos industriais, empresariais e zonas portuarias, así como nas rúas máis concurridas. Para chegar ao maior número de veciños posible, despregouse por toda a provincia un dispositivo formado por axentes da Garda Civil e Policía Nacional contando coa valiosa colaboración de Policías Locais, Autonómica e agrupacións de Protección Civil, aos que agradeceu o seu labor, así como ao persoal propio da Subdelegación do Goberno que fixeron posible toda a loxística de reparto.