A Mariña, 29 de maio de 2020. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense aprobou por unanimidade unha declaración institucional de apoio a Alcoa. O presidente do ente supramunicipal, Fran Cajoto, amosouse satisfeito coa actitude de todos os integrantes da Mancomunidade e dixo que “ante un problema común non hai cores políticas”.
Cajoto sinalou ao remate do encontro telemático celebrado esta tarde que “están a ser uns días moi duros, con moita incerteza para as traballadoras e traballadores de Alcoa polo anuncio da factoría dese inicio, aínda que sexa informal, para pechar a parte de Aluminio, que conlevaría 534 despedimentos na propia Alcoa e máis as auxiliares, que tamén se verían afectadas”.
O presidente da Mancomunidade manifestou que “este é un problema estrutural da Mariña, Alcoa dá traballo estable e de calidade a moitos veciños e veciñas de aquí e non podemos prescindir agora mesmo desta fonte de emprego porque non habería alternativa a día de hoxe. Por iso se plantexou esta reunión de urxencia desde a Mancomunidade, que xa ten un marco establecido, para que todos os Concellos teñamos unha voz común nesta problemática e vaiamos todos remando no mesmo sentido. Agora mesmo non importan as cores políticas, o que importa é o emprego de calidade que temos que garantir na Mariña”.
Fran Cajoto quixo “agradecer desde logo a actitude moi positiva que tiveron todos os intervenientes na reunión dos distintos grupos políticos. Chegouse a un acordo falando con tranquilidade e poñendo en común as visións que temos de Alcoa, que fundamentalmente son a mesma: que se garanta o emprego e para iso temos que esixir medidas desde os concellos”.
E engadiu: “así os puntos que acordamos na declaración institucional da Mancomunidade son os seguintes:
1.- Que a multinacional Alcoa abandone o plan de desmantelamento da factoría de Aluminio e rectifique no proceso de paradas de cubas electrolíticas.
2.- Que se convoque de forma urxente a mesa multilateral de Alcoa San Cibrao, composta polo Goberno de España, Xunta de Galicia, multinacional Alcoa, comité de empresa e sindicatos con representación, para avanzar nunha solución definitiva para a factoría.
3.- Que o Goberno do Estado, no marco das súas competencias, aprobe con carácter urxente unha tarifa eléctrica que recolla o contido das alegacións presentadas na tramitación do estatuto de electrointensivas que garanta un prezo estable e competitivo e consolide os empregos na multinacional Alcoa e auxiliares.
4.- Que a Xunta de Galicia, no marco das súas competencias exclusivas en industria, incentive a renovación e mellora da planta e dos procesos industriais, tanto en materia medioambiental como en novas tecnoloxías, con entes como o Igape.
5.- Que no caso de que as anteriores medidas non sexan suficientes para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo, tanto en Alcoa como nas empresas auxiliares, o Goberno do Estado estude a intervención da empresa.
6.- Que se retome por parte do Goberno do Estado a necesidade de autorización administrativa previa para tramitar os EREs, de forma que se fixe o obxectivo na garantía do emprego público.
E desde logo o que queremos desde a Mancomunidade é expresar o noso apoio unánime a todas as traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao e das auxiliares nestes momentos tan difíciles que están a vivir”.