A Mariña, 8 de maio de 2020. A Federación de Comercio A Mariña lanza un mensaxe de apoio aos negocios locais que estes días abriron as súas portas con cita previa e aos que retomarán a súa actividade a partires do vindeiro luns, 11 de maio.
Volvemos para ti, grazas a ti é o slogan do cartel no que se ve un treito de asfalto gris do que sae unha fermosa planta verde.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, anima á xente “a que aposte, agora máis que nunca, polos negocios locais. Acabamos de estar dous meses pechados e precisamos moito da nosa fiel clientela. É o momento de que rememos todos xuntos na mesma dirección, na de apoiar ao comercio, á hostalería e ao sector servizos. Os pobos non teñen vida sen as tendas, sen os bares, sen os restaurantes…, temos que ser moi conscientes de todo isto e teremos que acostumarnos a volver pouco a pouco á normalidade que van ditando as diferentes fases da desescalada na que nos atopamos”.
Paleo subliña que “os negocios dos nosos pobos intensifican o traballo estes días para poñerse a punto para a apertura do luns. Todos estarán preparados para ofrecer os seus produtos extremando as medidas de seguridade e de hixiene. O cliente debe ter confianza no comercio local e facer caso das recomendacións e indicacións que atopará nos locais. Hai unhas distancias sociais que temos que manter, haberá limitacións de aforo e produtos de desinfección para que todo funcione da mellor maneira posible desde o primeiro momento”.
O presidente da Federación de Comercio A Mariña considera que “estamos nun proceso de aprendizaxe e de adaptación a esta nova situación, a esta nova vida comercial, que nos ven imposta pola pandemia do Covid-19. Estou convencido que entre todos conseguiremos que o comercio e que a hostalería desta comarca saian adiante. Este é o momento de sumar, de que todos xuntos sumemos”. E engade: “queremos aproveitar a ocasión para darlles as grazas aos nosos veciños e veciñas por agardarnos estes meses e pola solidariedade que nos fixeron chegar por diversas canles”.