Lugo, 6 de maio de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que a institución provincial realizou un novo pedido de 212.000 unidades de material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus Covid-19. Tomé Roca asinou un decreto que ordena a contratación do subministro dun total de 131.200 mascarillas, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos, por un importe de case 113.500€ con fondos propios.
O mandatario provincial explica que se adquire este material para a protección fronte ao virus do persoal propio da Deputación, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta a institución, como son por exemplo os centros de atención a maiores de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada, e tamén para a súa distribución na provincia.
O Presidente envía hoxe unha carta aos alcaldes e alcaldesas dos concellos de menos de 20.000 habitantes para informalos de que a través do persoal do Parque Móbil vaise desenvolver en vindeiras datas a segunda fase do reparto de mascarillas cirúrxicas para a protección da veciñanza fronte ao Covid-19. No escrito, avánzalles que a Deputación entregará outras 72.000 unidades para a poboación adulta e 25.000 para os nenos e nenas de ata 14 anos de idade.
Deste xeito, a Deputación de Lugo, con recursos propios, chegará ao 60% da poboación adulta e ao 100% da poboación infantil menor de 14 anos censada nos municipios da provincia de ata 20.000 habitantes. “Esperamos que a Xunta de Galicia cubra o resto da poboación e dea continuidade ás necesidades que poidan darse proximamente. Hai que lembrar que as competencias en materia de Sanidade seguen sendo exclusivas da Comunidade Autónoma, polo que é a súa responsabilidade repartir este tipo de material de protección á cidadanía”, recalcou José Tomé.
O Presidente lembra así mesmo que o Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia centraliza as peticións dos concellos en relacións coas necesidades de material, en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), tal e como publicou o Diario Oficial de Galicia o 22 de marzo. Pero explica que malia que “as competencias non residen na institución provincial, a Deputación decidiu realizar estas entregas financiadas con recursos propios para cooperar cos concellos e reforzar o abastecemento”.
En concreto, este novo pedido está composto por 100.000 mascarillas cirúrxicas, 6.200 mascarillas FFP2, 25.000 mascarillas infantís, 80.000 luvas, 100 pantallas protectoras, 330 xeles hidroalcólicos, 20 botes de alcol e 100 dosificadores automáticos. A cantidade de material adquirida pola Deputación está amparada nun informe técnico elaborado polos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social no que determinaron as necesidades a cubrir.
“En canto recibamos o material comezaremos a entregalo nos concellos cos medios do Parque Móbil”, subliñou o Presidente, quen detallou que a maior parte das empresas ás que a Deputación contratou a subministración pertencen á provincia de Lugo, o que tamén contribúe á dinamización do tecido económico.
“A Deputación é a institución máis próxima aos concellos, e polo tanto á veciñanza, e temos que estar con eles para afrontar a crise do coronavirus unidos e en total coordinación e cooperación, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliña o Presidente.
Inxección de 21,6M€ nos concellos
A Deputación decidiu inxectar máis de 21,6M€ nos concellos para facer fronte á crise, 10,6 millóns a través do Plan Único de Cooperación, que o Goberno provincial decidiu adaptar para facilitar recursos aos municipios e que poidan responder con maior axilidade e eficacia ao novo escenario de prioridades e necesidades sociais aos que se enfrontan, e 11 millóns co adianto dos pagos mensuais previstos ata xuño aos concellos que teñen delegado na institución a xestión de impostos municipais, o que lles proporcionará maior liquidez para tomar medidas ante a pandemia ou para axilizar pagos a empresas e provedores.
Como medidas de protección e contención do virus, a Deputación tamén procedeu á limpeza e desinfección de todas as dependencias provinciais e realiza estas labores de maneira preventiva todas as semanas nas catro residencias da súa titularidade.