O contido do documento asinado polos alcaldes e alcaldesas e demais representantes da entidade mariñana está en plena consonancia coa postura manifestada polo propio Presidente dende o propio día no que a dirección da factoría anunciou o despido colectivo de 534 traballadores.
Así mesmo, o Presidente ve positivo que o Ministerio de Industria obrigue á empresa a devolver axudas públicas se aplica os despidos, unha medida que o propio José Tomé pediu que se estudiase. “Se dan ese paso, polo menos que non lles saia gratis”, asegurou.
A Deputación rexeita as pretensións de Alcoa e reitera que estará, coma sempre, cos traballadores e coas traballadoras, e cos concellos da comarca da Mariña para reivindicar o futuro dos veciños e das veciñas da Mariña e do conxunto da provincia de Lugo”.
O Presidente esixiu á Xunta que tome “dunha vez medidas e exerza as competencias que ten atribuídas de maneira exclusiva en materia de industria polo Estatuto de Autonomía”. “Acabáronse as fotos baleiras de contido. É hora de poñer enriba da mesa os intereses de Galicia, que son os mesmos que os da provincia de Lugo, os dos traballadores e os dos concellos”.
“O Presidente de Xunta, o señor Feijóo”, recalcou José Tomé, “debe tomar exemplo do Goberno vasco e apoiar con fondos do IGAPE, por exemplo,as empresas estratéxicas do noso país”.
Polo que respecta ao Goberno de España, o Presidente reafirmou a necesidade dun regulamento electrointensivo que permita ás empresas que operen en España ter unhas condicións semellantes ao resto de Europa.
Así mesmo, plantexou ao Goberno de España que “estudie a posibilidade de entrar no accionariado deste tipo de empresas, como o están facendo outros países europeos como Francia ou Alemaña, que están reforzando un sector público de empresas estratéxicas”.