Ribadeo, 12 de maio de 2020. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, manifesta o apio do Concello de Ribadeo ao sector da Cultura e anuncia que se está a reprogramar para o último cuatrimestre do ano a programación que estaba prevista para maio e xuño. A Concellaría ten intención de manter unha axenda cultural durante o verán, que estará moi determinada pola evolución da pandemia.
A edil ribadense dixo que “desde o Concello de Ribadeo manifesta o apoio ao sector da cultura nos termos reflectidos na carta feita pública pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Un apoio das administracións que sabemos que resulta imprescindible nestes momentos en que a pandemia do coronavirus fai máis difícil as condicións de traballo dun sector, que xa normalmente está marcado pola inestabilidade e a precariedade”.
Pilar Otero explicou que “por iso os catro últimos meses do ano recolleremos os espectáculos que tiveron que suspenderse por mor do coronavirus. Así, pola rede da Agadic, reprogramamos as funcións de Sarabela Teatro, Mamá Cabra e Teatro da Ramboia. Temos previsto asemade contratarse unha outra función de danza para todos os públicos. Tamén redistribuiremos neste período os catro espectáculos previstos para maio-xuño e que proveñen do circuíto Platea: Juguetes rotos, Múcab Dans, Mathaussen e Juntos”.
A concelleira de Cultura sinalou que “continuaremos co ciclo Músicas Comunais nas Parroquias, que achega o facer de asociacións culturais que desenvolven na nosa contorna xéneros musicais tan variados como a música tradicional, a música clásica ou o rock. O inicio de curso contará tamén coas charlas divulgativas apalabradas cos centros de ensino e vanse desenvolver os espectáculos de animación á lectura, vencellados á biblioteca”.
Otero Cabarcos engadiu que “segue en marcha tamén a convocatoria do IV Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo e o apoio ao certame de vídeos en galego na rede, Youtubeir@s”.
A edil ribadense subliñou que “a Concellaría de Cultura ten tamén a intención de manter unha programación cultural no verán aínda que esta vai estar moi determinada pola evolución da pandemia”.