Trátase de achegas destinadas, fundamentalmente, ao funcionamento do entramado cultural de base, que desenvolve ao longo do ano innumerabeis actividades en todo o territorio da provincia facilitando o acceso e participación de todas e todos nos procesos culturais e sendo tamén peza fundamental no sostemento do sector profesionalizado.
“Fronte á incerteza que xera a Covid 19, desde a área de Cultura queremos que as asociacións culturais teñan a seguridade de que contarán cos fondos comprometidos e saiban que traballamos para que poidan dispoñer deles no menor tempo posible. Os seus proxectos veranse condicionados pola situación extraordinaria na que nos atopamos, e seguramente terán que repensar algunhas das actividades”, sinalou a deputada de Cultura, Maite Ferreiro.
“Tras a aprobación do Plan Estratéxico de Subvencións e do protocolo interno de tramitación, o servizo xa a traballar na xestión destas achegas. As asociacións recibirán a comunicación correspondente e poderán iniciar o procedemento de solicitude”, proseguiu a nacionalista, que agradeceu o traballo das “persoas que forman parte destas asociacións e que traballan, moitas veces de xeito altruísta, para desenvolver actividades na súa parroquia, concello ou comarca”.
“As administracións temos a obriga de apoiar e colaborar con estas asociacións e de protexer a cultura, unha ferramenta indispensable para construír unha sociedade viva, dinámica, crítica, consciente do seu potencial e orgullosa da súa identidade”, concluíu Ferreiro
As achegas, recollidas nos orzamentos de 2020 e no Plan Estratéxico de Subvencións, benefician a 44 entidades e asociación culturais que centran a súa actividade na protección, valorización e difusión do patrimonio cultural, na normalización do uso do galego en diferentes ámbitos, na organización de festivais e programacións culturais ou no eido educativo e formativo.
Valorización do patrimonio cultural
Entre as entidades beneficiarias figuran , entre outras, a Asociación de Gaiteiros Galegos, que traballa na difusión da música e do baile tradicional coa Tradescola como referente, Lugo Patrimonio e Mariña Patrimonio, que se adican ao estudo e divulgación do patrimonio material ou asociacións como O Teixo de Piornedo, que organiza o Encontro de Tocadoras, Amigos do Folión, que manteñen viva a tradición do Folión de Carros de Chantada ou a Asociación de Veciños María Castaña da Pobra de Brollón que promove a investigación arqueolóxica do castro de San Lourenzo, en Cereixa.
O apoio á normalización do galego medra máis do 50 por cento
Ademais de manter o apoio a entidades como a Real Academia Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a área de Cultura retoma a colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística -a maior asociación cultural de Galiza con 4.000 socias e socios-, que decaera na pasada lexislatura; incrementa a achega destinada a Asociación Correlingua, que cumpre 20 anos de activismo pola lingua; e enceta a colaboración coa Asociación 25 Xastres de Monterroso, que converteu a Feira do Libro e do Disco en Galego nun referente para creadores culturais de toda Galiza. Así, os fondos destinados a entidades e asociacións que traballan no ámbito da normalización do galego en diversas vertentes increméntanse en máis do 50 por cento respecto ao 2019.
Apoio a iniciativas no eido formativo e educativo
A formación musical recibe un importante apoio da área de Cultura, con achegas aos conservatorios de Vilalba, Monforte e Viveiro, a Asociación Músico Crisanto ou a Escola de Música de Antas de Ulla. Tamén se colabora con iniciativas educativas dirixidas ás familias como a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, a Asociación Educando en Familia ou a federación provincial de anpas de Lugo, Fapacel.
Festivais e programacións culturais
Ademais, programacións culturais consolidadas como o Festival Internacional de Jazz, a Semana do Cine de Lugo e festivais como o de Pardiñas de Guitiriz, o Esmorga Fest de Sarria e o Castañazo Rock de Chantada ou festas tradicionais como As San Lucas, todas elas citas condicionadas este ano polas restricións sanitarias, tamén disporán das achegas da área de Cultura.