O Vicedo, 13 de maio, 2020. A seguinte convidada nos “Videofaladoiros de Nordés” o sábado 16 ás 19:00h. é a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, cun relatorio que leva o título de “Soberanía Alimentaria e posta en valor da agricultura local”.
A pandemia que estamos a sofrir, na que o illamento polo estado de alarma supuxo problemas no acceso aos alimentos frescos (froitas, verduras, carne….), e a suba de prezos dos xéneros agropecuarios nos supermercados sen unha mellora nos prezos pagados aos produtores primarios, ven a poñer derriba da mesa cuestións que estaban fora dos focos de interese xeral antes do Covid-19, pero que para unha parte da poboación como a nosa, maioritariamente rural, xa tiña moita importancia e aínda vai ter máis: a produción agrícola, gandeira e forestal de forma sostible e ecolóxica coa recuperación e posta en valor das variantes autóctonas, e o dereito a prezos xustos que fagan do traballo no agro unha actividade de presente e futuro, de tal xeito que sirvan para poñer en marcha iniciativas con obxectivos socioculturais ademáis dos propiamente económicos.
Isto, que ven a resumir en parte o que chamamos Soberanía Alimentaria, será tratado con moito máis luxo de detalles e contido na charla. A Soberanía Alimentaria é un concepto que tanto abrangue aos produtores coma aos consumidores, concienciados ou por concienciar, nas ventaxas do consumo de produtos locais de calidade e pagados polo que valen, contribuíndo ao tempo a manter a vida e biodiversidade nas Terras da Faladora.
Para escoitar a Isabel Vilalba, temos dúas opcións como sempre:
A través da plataforma “Jitsi Meet” tendo a oportunidade de plantexar cuestións ao rematar o seu faladoiro.
É preciso apuntarse antes do venres 15 de maio ás 14:00h cunha chamada/mensaxe (Telegram) ao 620417848 (Luis), dende aquí xestionaremos o envío do link preciso para entrar na sala da videoconferencia o sábado 16 de maio.
Pódese asistir dende móbil, tablet ou ordenador.
O venres 15 ás 19:00h. faremos unha proba de conexión, por se hai problemas, resolver dúbidas,etc.
A través da canle de Youtube de Nordés, con emisión en directo e en diferido: https://youtu.be/84uRHhQix7k