Site icon Crónica3.com A Mariña

Transportes traballa na desinfección do viario de Ribadeo

 Lugo, 29 de abril de 2020.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que os ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e de Defensa colaboran nesta xornada na realización de labores de desinfección na provincia de Lugo, concretamente nos concellos de Ribadeo e de Lugo.

Isabel Rodríguez explicou que Transportes puxo a disposición do Concello de Ribadeo os medios humanos e materiais para levar a cabo tarefas de desinfección no viario público. Nestes labores participou un dos camións do parque móbil da Unidade de Estradas do Estado na provincia que se empregan para esparexer salmoira e que hoxe foi usado para pulverizar o desinfectante no viario público deste municipio. Esta actuación levouse a cabo en coordinación con Protección Civil e a Policía Local de Ribadeo.

Os traballos de desinfección efectuáronse a primeira hora tanto en rúas como en estradas do termo municipal de acordo coa planificación feita polo Concello. Concretamente, o vehículo, que conta con capacidade para 6.500 litros de desinfectante, que esparexeu ao longo de 19 km de vías e rúas de Ribadeo.

Con anterioridade, o Ministerio de Transportes xa realizara labores de desinfección preventivas no municipio de Viveiro, así como en instalacións da Garda Civil en Lugo e Monforte de Lemos.

Exit mobile version