Site icon Crónica3.com A Mariña

“Parecer indignado e publicalo, deso se trata. de facer o correcto que se encarguen outros”, por Marta Rodríguez Engroba

Non vou redundar no que opino acerca de algo sobre o que xa en repetidas ocasións expresei o meu parecer: O mal uso que, en moitas ocasións, se lles está a dar as redes sociais, unha ferramenta que, ben xestionada, pode ser, ademais de útil, un excelente conduto de comunicación, de interacción, e un fantástico canal para a conversa e a evasión, o que pode axudar a sobrelevar mellor o confinamento no que nos atopamos, e tamén a facer mais levadeira a soedade de moitos e mesmo provocar algún sorriso, algo que se agradece especialmente en momentos tan difíciles como os que estamos a vivir.

Por desgraza, cada vez mais, se están a utilizar dun xeito algo mais que lamentable, e nestes días está a facerse cada vez mais evidente.

Se hai un exemplo claro do que estou a dicir, son as publicacións que, desde que comezou a semana, circulan a todas horas en relación cunhas notas que apareceron pegadas en portais de comunidades de veciños de diferentes cidades nas que se insta a traballadores de colectivos de risco, como o sanitario, supermercados, etc, a deixar os seus domicilios e instalarse en hoteis, ou noutros sitios alternativos, apelando ao perigo de contaxio do coronavirus que poden implicar para os veciños.

Non vou entrar agora a valorar a miña opinión sobre tan noxentas notas, porque creo que é innecesario para calquera que teña un mínimo de humanidade, pero si vou a expresar o meu parecer sobre as reaccións que provocaron, ou, polo menos, sobre un número algo mais que considerable delas.

Desde o primeiro momento, moitos dos que as foron atopando nos seus respectivos portais non dubidaron en colgalas nas redes sociais e chamarlles de todo aos seus autores, saíndo, se supón, en defensa dos profesionais aos que aluden as notas en cuestión.

Isto troxo, como era de agardar, innumerables respostas de repulsa, pasando por insultos, ata ameazas e outros comentarios que non se poden cualificar mais que de auténticas barbaridades dirixidas aos que, en moitos casos, son tamén os seus veciños, organizando nas redes unha auténtica “vendetta” virtual.

Tampouco faltaron os que contestaron a tan deshumanizadas notas con outras de apoio aos traballadores agraviados aos que se pretendía presionar para que deixaran os seus fogares, e o cruce de respostas, descualificacións e insultos a cada cal mais graves aos autores das primeiras comezaron a inundar as redes, a vez que lles desexaban que, se eran eles os que enfermaban, non os atenderan, que non lles despacharan nos supermercados, etc, etc, etc.

Curiosamente, a ninguén de cantos participaban neses xuizos sumarísimos, se lle ocurriu optar por facer o correcto, e o mais civilizado, que é, nin mais nin menos, que poñer o feito en coñecemento da policía.

Eu non adoito a participar nestes debates que me parecen, francamente, ademais de totalmente inútiles, de moi mal gusto, pero tanto foi o cántaro a fonte, que, nun momento dado, non puiden evitar contestar e suxerir o que acabo de mencionar, que denunciaran o que estaban a contar nas redes, xa que constitúe un delito de odio, sendo, porén, punible e perseguible, e, seguramente, unha vez feito, aos autores das nota se lles ían pasar as ganas de reincidir.

Houbo unhos cantos que me deron a razón, pero ata ahí, e tamén quen saiu ao paso dicindo que ecribir algo así e expoñelo públicamente nun portal non é delito ningún, e que, polo tanto, nin é denunciable, nin nada lles ía pasar.

Non me tomei a molestia de contestar e aclarar que eu non son avogada, nin policía, nin tampouco xuiz, pero que, ademais de que hai cousas que son de puro sentido común, me tomara a molestia de consultalo, porque, falo moito, ben o sei, pero, malia eso, se algo non practico é o de falar por falar, e, cando afirmo algo con rotundidade, é porque previamente o consultei con quen sabe, algo que tamén fixen nesta ocasión.

Ben sei que de sabios ou de aspirantes a selo está o mundo cheo, pero eu non formo parte de tan selectos grupos, e, sempre que teño oportunidade, tento aprender.

En calquera caso, xa ese mesmo día, desde a Policía informaron de que, efectivamente se trata dun delito, obviamente denunciable, e que eso é o que se debería facer, denuncialo.

Ata onde eu sei, como quen escoita chover, algo que non é nada novo.
De novo a hipocresía e o egoismo fixeron, coma case sempre, acto de presencia.

Porque claro, ler a nota, sacarlle a foto, e colgala nas redes acompañada de comentarios nos que se critica aos autores e se lles desexa que lles caigan enriba as sete plagas bíblicas é unha cousa, ademais de que queda moi ben, e lle otorga a quen os escribe unha pátina de implicación e de recalcitrante xusticieiro, e dun xeito moi cómodo, mesmo sentado no sofá, tendo ademais a seguridade de que vai ser secundado, e nun plis pla vai ser o líder dun exército de defensores virtuais dos damnificados pola crueldade dos despiadados veciños……que non pola deles, que quede clariño!.

Outra cousa moi distinta é chamar a policía, que se presenten a ver as notas en cuestión, e que o veciño ou veciños autores das mesmas saiban quen chamou.

Como van facer tal cousa?. Por favor!.
Hai que convivir con eles, e, ademais, a situación actual non é a habitual, na que poden pasar días ou mesmo semanas sen coincidir coa maioría deles, pero agora, día a día, hai, como mínimo, un encontro diario, desde os balcóns, ou as ventás, cando saen a aplaudir aos sanitarios…..si, si, aos sanitarios, a eses aos que lles suxiren que marchen da casa, porque eles, os que aplauden, non son malos, nin hipócritas….quen pensa tal cousa?.
Son prudentes e miran pola saude da comunidade!.
Pero, eso si, que ninguén dubide de que están indignados, moi indignados!. E non teñen nada que ver cos que escriben tales cousas, faltaría mais!.
Eles son infinitamente mellores, onde vai parar!.

Agora ben, hai que ter sentidiño, e non está a vida para crearse inimizades.

Hai que saber nadar e gardar a roupa, ou, dito doutro xeito, quedar ben con todo o mundo, e neste caso, o quiz da cuestión está en amosar o apoio aos perxudicados nas redes, ou, se acaso, se estamos seguros de que ninguén do bando contrario nos escoita, no descanso da escaleira, e facer o mesmo cos veciños que escribiron a nota, que, ao fin e ao cabo tamén son veciños!.
Como os van denunciar?.
E, ben mirado, igual algo de razón teñen….Bah, o mesmo da!. En calquera caso, nada de denunciar, que, despois, todos son lios.

E así, deste xeito tan noxento, tranquilizan a sua conciencia, e digo o de conciencia porque algo hai que chamarlle, e, non soamente eso, se non que se consideran un exemplo de moral.
Acaso non se indignaron?.

E eso, indignarse, hai que saber facelo ben.
A cuestión é parecelo, facer o suficiente rebumbio virtual para que os contertulios internautas se decaten e respondan.

Tampouco hai que complicarse a vida facendo sempre o correcto.
Deso, de facer o correcto, que se encarguen outros!.

Marta Rodríguez Engroba, presidenta de Si, hai saída.

Exit mobile version