Site icon Crónica3.com A Mariña

O SLG denuncia abusos de Reny Picot aproveitando a crise do COVID19

Compostela, 6 de abril, 2020. Dende o Sindicato Labrego Galego tivemos constancia de que a empresa Reny Picot está a ofrecer ás granxas que lle abastecen de leite novos contratos por tres meses, unha práctica que roza a fraude xa que, aínda que a Lei da Cadea Alimentaria consínteo se hai acordo entre as dúas partes, todos e todas sabemos en que consisten os “acordos” no sector lácteo: extorsión das industrias ás granxas aproveitándose da súa posición de dominio na cadea de valor. Ademais, a empresa está avisando da posibilidade de que, ao pasar estes tres meses, sexa probable que haxa que baixar os prezos nos novos contratos que se fagan a partir de entón. Daquela, é doado sospeitar que Reny Picot está a forzar contratos de tres meses e non dun ano, como obriga a lei, para poder baixar o prezo despois e aforrarse as marxes de nove meses que debería pagar aos prezos actuais se asinase contratos de un ano. Trátase dunha práctica intolerable, máxime cando Galiza segue a ser a comunidade do Estado co prezo medio máis baixo: 32’4 céntimos por litro segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) correspondentes a febreiro de 2020, lonxe do valor medio estatal (33’6 céntimos) ou de comunidades veciñas como Asturias (35’3 céntimos), onde ten a súa matriz Reny Picot.

Este cambio de actitude de Reny Picot coincide co estoupido da crise polo COVID19, xa que os contratos que estaba asinando antes da emerxencia sanitaria estaban a ser por períodos de un ano. Parece que coa escusa de garantir o acceso á alimentación da cidadanía as industrias lácteas queren facer o seu agosto, pois esta nova coincide con outras como a baixada de prezos que se está a impoñer no leite ecolóxico.

Trátase de feitos inadmisibles nun contexto, como o actual, no que se disparou a demanda e no que a industria láctea no dá abasto, tal como acontece con determinadas empresas que viron incrementada a demanda de leite, aumentando a frecuencia do transporte e dobrando quendas; ou demandando novas explotacións para garantir a produción. Así o constatamos no SLG a través da testemuña de varios transportistas que recollen e carrexan leite das granxas para industrias do sector lácteo, aos que se lles ampliou tamén o horario de traballo en quendas inhumanas, con casos que só están a durmir tres horas por noite. Neste caso, as industrias aproveitan outro baleiro propiciado polo estado de alarma, como é eximir aos camións de levar os discos de comprobación dos horarios.

Exit mobile version