Lugo, a 03 de abril de 2020. O grupo provincial do Partido Popular ten claro que a Deputación ten que xogar un papel de primeiro orde na provincia na difícil conxuntura pola que atravesa o país. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Dixemos e dicimos con total sinceridade que o PP quere sumar, colaborar con decisión e lealdade, desde o lugar que ocupa en cada institución, para axudar a superar a grave crise sanitaria na que estamos sumidos. Por ese motivo intentamos, sen éxito pola negativa de PSOE e BNG, mellorar o Plan Único para este ano. Queremos mirar cara adiante e, para aportar ideas que cremos que a Deputación pode poñer en marcha en beneficio dos lucenses, solicitamos ao presidente, José Tomé, que convoque unha reunión telemática da xunta de portavoces”.
Castiñeira reitera que a Deputación, ademais de aportar fondos aos concellos pola vía do Plan Único, ten capacidade para intervir directamente cos seus recursos económicos, mecánicos e humanos en apoio dos municipios. E pensa que ten que facelo nunha dobre vertente. Por un lado, atendendo a aspectos relacionados directamente coa crise sanitaria propiamente dita; por outra parte, axudando a crear as condicións para que as dificultades económicas e laborais que inevitablemente vai xerar a crise sanitaria sexan o máis amortuxadas posible en Lugo. Considera que é preciso que todos os grupos provinciais expoñan as súas propostas, contrastalas e decidir cales e como levalas adiante. Para abordar estas cuestións, solicita ao presidente unha reunión da xunta de portavoces.
En canto a crise sanitaria propiamente dita, Castiñeira recorda que a Deputación dispón dun fondo de continxencia, dotado con case un millón de euros. O portavoz popular entende que é posible adquirir, con cargo a ese fondo, o material que demanden os concellos en función das necesidades de cada un deles, xa que o goberno provincial non quere usar o remanente, tal como deixou claro na máis recente sesión plenaria.
Por outra parte, Castiñeira apunta que o parque móbil da Deputación debe ser posto ao servizo das tarefas de desinfección alí onde sexan necesarias, para reforzar o traballo que neste sentido levan a cabo os concellos. Nesta mesma liña, o portavoz popular di que o persoal do consorcio provincial de bombeiros podería efectuar, por exemplo, labores de desinfección ao igual que o están facendo servizos que dependen da Xunta de Galicia.
O prioritario é, destaca Castiñeira, atender ás necesidades que xera a crise sanitaria, pero di que, ao mesmo tempo, non hai que esquecer que trae aparelladas moi serias dificultades económicas e laborais, que polo de agora só se están esbozando. Por elo, entende que é preciso que a Deputación deseñe liñas de intervención a curto, medio e longo prazo para axudar a paliar as consecuencias económicas, laborais e sociais da pandemia.
“Co ánimo de colaborar da maneira máis leal e eficaz, solicitamos una reunión telemática da xunta de portavoces, coa esperanza de que o presidente da Deputación, máis aló das nosas lexítimas diferenzas políticas, así o entenda e atenda a nosa solicitude”, declarou Castiñeira.