Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela denuncia falta de información por parte do alcalde Llano

 Burela, a 2 de abril de 2020.- O Grupo Municipal Popular entende que ante unha situación de alarma como a que se está a vivir, en ocasións, a improvisación por parte das entidades locais é inevitable. Pero o que está a suceder no Concello de Burela, con Llano como máximo responsable, “é sumamente preocupante”.

E é que “non só se pode percibir unha total falta de dilixencia na toma de medidas. Un exemplo, as propostas feitas hai máis de dúas semanas por parte do PP de Burela e que xa están a funcionar moi ben noutros Concellos, e que na nosa vila nin sequera son dignas dun estudo por parte do goberno municipal. Todas elas medidas de índole sanitario, social e económico que tentan mitigar os efectos desta grave crise, sendo solicitada tamén a súa avaliación por parte dos representantes doutra das formacións políticas da corporación municipal”, precisan dende o Grupo Municipal do PP.

A última “fazaña” do actual alcalde, explican, é a anulación da reunión que se tiña que levar a cabo esta semana da comisión de seguimento local do Covid-19. “Isto parécenos aconsellable, máxime tendo en conta o último RD. O que non é de recibo é que non se tivera a previsión de artellar unha alternativa por parte do equipo de goberno local para seguir coa mesma, tal e como si se fixo noutros Concellos da nosa contorna”, sinalan.

En consonancia con isto, dende o Grupo Municipal Popular, tamén están preocupados pola escasa transparencia que está a ter Llano e o seu equipo de goberno. A principios da semana pasada solicitaron por escrito que se lles trasladasen unha serie de documentos e informes aos cales se fixeron referencia nas reunións precedentes da comisión de seguimento.

A día de hoxe, a formación popular non recibiu ningún tipo de resposta. Descoñecen se é porque dita documentación non existe, porque se trata de ocultala por algún motivo ou ben porque o caos nas dependencias municipais é tal que o alcalde é incapaz de dar resposta.

“Sexa cal fora o motivo, o certo é que os representantes municipais dos veciños de Burela non contan coa información requirida, que se ateñan, tanto o alcalde Llano como as concellerías municipais implicadas, ás responsabilidades derivadas deste tipo de accións”, insisten.

Máis anuncios sen contido por parte de Llano
Por outra banda, estes días pódese ler na prensa unha serie de anuncios por parte de Llano, todos eles sen ningún tipo de concreción, relativos a incrementar o fondo na contía que faga falla para fins sociais, sacando dito orzamento do Plan Único da Deputación.

“O señor alcalde obvia intencionadamente que os fondos para obras sociais xa se podían destinar con anterioridade ao estado de alarma actual. De feito o PP xa en diversos exercicios lle reclamou iso, que destinara a máxima contía que permitía o Plan para estes fins. E fálase de máxima contía porque non todo, a menos que se modifique o regulamento que o rexe, se pode destinar a tal fin. No pasado non quixo escoitar os requirimentos do PP, esperemos que polo ben de tódolos veciños e veciñas de Burela, esta vez si”, conclúen.

Exit mobile version