José Antonio García sinala que o goberno provincial non deu respostas ás peticións do grupo do Partido Popular para coñecer o custe mensual do servizo de mantemento das zonas verdes dependentes da Deputación. “O que temos cada día máis claro é que este servizo cuberto mediante Tragsa vai saír moito máis caro do que era cando o desempeñaba Suplusa, como avisamos en máis dunha ocasión”. O mesmo deputado provincial sospeita que o silencio que garda o goberno provincial débese a que realmente é así, a que o mantemento das zonas verdes sae agora moito máis caro. “Chama a atención que se negaran a aceptar a proposta do PP para incrementar en 700.000 euros o importe do Plan Único, do que se benefician directamente os concellos, e non teñan inconveniente en pagar moito máis polo mantemento das zonas verdes do que se pagaba cando o facía Suplusa”.
O mesmo representante popular pon de manifesto a chamativa, por contraditoria, actitude do Bloque no caso de Tragsa. Durante moito tempo cualificou a esta empresa pública de chiringuito, e agora non ten problema en aprobar uns pagos que son máis altos dos que eran antes polos mesmos servizos, ou polo menos así parece a falta de que o goberno provincial aporte os datos solicitados.
García tamén destaca que a externalización de servizos é algo ao que se opoñía o Bloque, como quedou reflexado no pacto de goberno co PSOE. “En todo caso, hai un ocultismo neste asunto que nada ten que ver coa suposta transparencia coa que o goberno provincial di que xestiona; neste caso, de transparencia, nada de nada”. Os populares din que xa é hora de que o presidente, José Tomé, e o goberno que preside aclare aos lucenses en xeral canto lle custa á Deputación a fórmula elixida para manter as zonas verdes. Os populares reiteran que utilizarán todos os recursos ao seu alcance para obter esta información de xeito detallado.
No PP destacan igualmente que Tragsa vai camiño de converterse na empresa con máis contratos da Deputación, e resaltan a contradición en que incorre o BNG entre os seus argumentos teóricos e a práctica de goberno, algo do que, segundo indica José Antonio García, tamén debe dar explicacións aos lucenses. García di que é unha contradición que se fai máis evidente nunha conxuntura como a actual, que esixe axustar tanto como sexa posible o custe dos servizos para dispoñer de recursos para axudar a que a provincia supere a crise sanitaria e as súas consecuencias económicas e laborais.