Castiñeira recordou que, en síntese, as emendas do PP ao Plan Único, teñen tres obxectivos fundamentais: incrementar en 700.000 euros o presuposto para situalo en 22 millóns; ampliar nun mes o prazo que se lles dá aos concellos para facer os trámites; respectar a autonomía local á hora de que cada concello proceda a asignación de recursos. Estas alegacións están baseadas, explicou Castiñeira, no convencemento do PP de que a proposta de Plan Único que o bigoberno provincial leva ao pleno é escaso en canto a orzamento e que, polo tanto, non responde ás necesidades que teñen os concellos da provincia para poder atender debidamente aos veciños nunha situación de crise como a que estamos a vivir.
Tampouco se adapta o Plan, en opinión do PP, á difícil conxuntura pola que atravesa o país en canto aos prazos que fixa aos concellos para facer os trámites necesarios. É necesario amplialos para non crearlles unha situación moi difícil, asegura Castiñeira. Hai que ter en conta -dixo- que as medidas de confinamento para evitar contaxios reducen moi notablemente as dispoñibilidades de persoal para poder atender as esixencias administrativas do Plan, cuxa tramitación supón cada ano a maior carga burocrática que soportan os concellos.
Algúns dos cambios introducidos no Plan con respecto a anos anteriores, explica Castiñeira, afectan de maneira negativa á autonomía local. É un feito innegable, por máis que se queira enmascarar; é preciso flexibilizar -dixo- o Plan para adaptalo as necesidades dos concellos.
O portavoz popular di que é lamentable que o goberno provincial nos mostrase nin o máis mínimo interese en consensuar o plan co PP, o grupo con máis deputados provinciais. E non será porque o grupo popular, destacou Castiñeira, non demostrase a súa vontade de sumar, de cooperar, de facilitar as cousas para obter os acordos que máis favorezan aos veciños nuns momentos tan difíciles. Pero o consenso esixe vontade de alcanzalo por todas as partes implicadas, e os grupos que conforman o goberno provincial non tiveron ese interese. “Espero que hoxe, nesta sesión por vía telemática, o goberno provincial cambie de actitude”, declarou Castiñeira. O portavoz popular lembrou que ata tres veces tivo que solicitar o PP que o presidente cambiara a convocatoria da sesión, de presencial a telemática, a pesar de que xa había algunha sentenza que resolvía nese sentido á vista das medidas establecidas para evitar contaxios. “Está claro que o presidente desconfiaba da capacidade tecnolóxica da Deputación”, declarou Castiñeira.