Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo inicia unha rolda de contactos con empresarios e autónomos que no están en Aciam para deseñar un plan de apoio

 Mondoñedo, 20 de abril de 2020. A crise sanitaria provocada polo coronavirus leva aparellados serios problemas económicos que afectan a todos os sectores produtivos. O Concello de Mondoñedo quere coñecer de primeira man as necesidades de cada un para poder adoptar as medidas que con más eficacia axuden a superar canto antes unha conxuntura tan complexa como a que vivimos e que, desde o punto de vista económico, se vai vivir nos próximos meses. Con este fin, o goberno municipal de Mondoñedo inicia unha rolda de contactos cos empresarios e autónomos que non están integrados na Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos, entidade coa que o Concello mantén unha permanente comunicación.
Os obxectivos desta rolda de contactos son varios, pero resúmense en dous. Por un lado, coñecer de primeira man os problemas específicos de cada sector e escoitar as súas aportacións en canto ao que consideran necesario para saír adiante, é dicir, coñecer en que pode ser de axuda o Concello. O outro obxectivo é explicar as medidas que xa se tomaron e deseñar un plan de futuro.
Para abordar estas cuestións, o goberno municipal xa mantivo conversas con todos os grupos municipais que integran a corporación. Igualmente, foron informados de como están a operar os servizos municipais na actual situación, dos resultados nas residencias e de canto está a facer o Concello nestes días.
Para facilitar a relación con todos os sectores produtivos, o Concello creou esta conta de correo electrónico: promocioneconomicamondoned@gmail.com
O Concello de Mondoñedo recorda que dispón das axudas de emerxencia social que ten establecidas, reguladas mediante a ordenanza municipal publicada no Boletín Oficial da Provincia o 7 de febreiro de 2018. Segundo se establece na citada ordenanza, os gastos que poden ser cubertos mediante este tipo de axudas son os seguintes: os derivados das necesidades básicas da vivenda habitual (alugamento, hipoteca ou recibos de subministración e reparacións básicas urxentes); aloxamento alternativo temporal; alimentación; menciñas e outros produtos de carácter sanitario que non cubra o Sistema Público de Saúde; apoio á conciliación familiar e laboral; transporte; calquera outro gasto que non estando recollido nos apartados anteriores e que os traballadores consideren preciso cubrir.
Por outro lado, o Concello decidiu suspender o cobro de alugueres de locais municipais, entre eles os da Praza de Abastos, e das taxas por recollida de lixo e ocupación de vía pública aos locais que están pechados

Exit mobile version