Viveiro, 2 de abril de 2020. O Concello de Viveiro quere facer hoxe, coincidindo co Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, un chamamento a conseguir a inclusión plena das persoas con diversidade funcional.
A data de hoxe pretende poñer en relieve a necesidade de contribuir á mellora da calidade de vida das persoas con autismo, para que poidan levar unha vida plena e gratificante como parte integrante da sociedade.
Unha data realmente importante que este ano corresponde celebrar nunha situación complexa, inmersos nun confinamento que resulta especialmente difícil para todas aquelas persoas afectadas por este transtorno ou que presentan calquera outro tipo de diversidade funcional.
“Dunha maneira especial, quero facer fincapé no que isto supón para os nenos e nenas con autismo ou con outro tipo de diversidade funcional, pero tamén para os nenos e nenas, en xeral, que nas últimas semanas están a darnos unha gran lección, sendo cada vez máis pacientes e sabendo sobrelevar cada día deste confinamento con alegría e ánimo, actitudes realmente importantes nestes momentos”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
“Quero aproveitar a ocasión, así mesmo, para facer un chamamento á concienciación co obxectivo de conseguir a inclusión plena das persoas con diversidade funcional e incidir na necesidade de desenvolver accións e iniciativas que dean visibilidade a este colectivo e que sirvan para sensibilizar á sociedade, facilitándolles, ao mesmo tempo, os medios e instrumentos necesarios para mellorar a súa calidade de vida”, engade.
O Concello de Viveiro considera que esta efeméride “debe servirnos para reflexionar e para que cada un de nós, como parte da sociedade, atopemos o camiño a seguir para conseguir unha inclusión e tolerancia efectivas das persoas con diversidade funcional”.
“Somos conscientes do gran esforzo que este colectivo está a realizar e hoxe queremos ter un recordo especial para todos eles, unha homenaxe que facemos extensible, así mesmo, a todos os nenos e nenas”, remata a alcaldesa.
Como mostra de recoñemento, diversas patrullas dos corpos e forzas de seguridade realizarán hoxe un percorrido, nos seus vehículos, dende Covas ata chegar ao Ambulatorio, para facer coincidir a súa chegada cos aplausos que diariamente lles brindamos, ao persoal sanitario, ás 20:00 horas.