O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, comentou que “imos reforzar a limpeza e a desinfección, todos estes días, tanto mediante a barredora como co camión de incendios. Imos facer unha limpeza máis exhaustiva coas máquinas desinfectadoras unipersoais, que van ir polos espazos públicos máis delicados como poden ser as residencias de maiores e o centro de saúde. Agora mesmo estamos nos sitios máis delicados como tendas de alimentación e supermercados. Imos facer estes días unha labor máis intensa apoiando o que levamos facendo todos estes días, debido a esta pandemia que estamos a sufrir, que é transversal e da que non se salva ninguén”.
O edil ribadense dixo que “desde o Concello de Ribadeo estamos a actuar coas nosas medidas e con todo o que temos á nosa man para que a cidadanía sufra o menos posible e pase estes días de malestar e pesimismo que se está a vivir. Queremos dicirlle á cidadanía que esta é unha proba máis para todos e que seguiremos adiante”.
Díaz Freije salientou que “o Concello con esta medida, que está implementando a partir de hoxe, imos reforzar todos os días un pouco as inmediacións de todos estes locais que seguen abertos para dar servizo á cidadanía. Son unhas máquinas desinfectadoras que levan un compoñente que é unha parte de lixivia para intervir nos locais, o centro de saúde e as distintas residencias que corren máis risco. Tamén se vai actuar en contedores, papeleiras, bancos, etc…, imos seguir actuando en todo o que poidamos nestes momentos complicados”.