O concelleiro de Medio Ambiente explicou que “seguindo con estes traballos de desinfección excepcionais nestes momentos extraordinarios, estamos a levar a cabo estas tarefas en contedores, nas rúas, nos accesos ás tendas de servizos esenciais que están abertas como supermercados, estancos e farmacias, no centro de saúde e nas residencias que temos de maiores. E agora imos dar un pasiño máis intentando abrir o abanico para que poidamos chegar a todo o mundo e imos estendelo ás parroquias a todo tipo de contedor, váiselles dar un lavado con desinfectante”.
Jorge Díaz dixo que “comezamos hoxe e ao longo de toda esta semana imos seguir intentando chegar á plenitude. É máis complexo porque as parroquias están máis dispersas e non está tan concentrada a conterización, pero imos intentar chegar, dentro das nosas posibilidades, o antes posible a todos os lados”.
Sobre o lixo e a conveniencia ou non de deixar os contedores abertos o edil de Medio Ambiente manifestou que “o máis normal é tirar o lixo a partir das nove da noite, non se pode andar tirando o lixo ás doce da mañá. Entón ou ben se levan luvas ou despois hai que lavar as mans ao volver á casa, ao igual que facemos cando se vai á farmacia, ao supermercado ou a outro tipo de cuestión esencial”.
Jorge Díaz Freije aconsella que “por favor non se deixen os contedores abertos. Entendo toda a problemática que hai, todas as dúbidas que isto xera no estado en que estamos, pero isto vai seguir porque vai haber que continuar con medidas paulatinas e os contedores non van poder estar abertos por cuestións de cheiros e infinidade de cousas durante o verán. Eu entendo que é moito máis cómodo non tocalos, pero temos que aplicar o sentido común e todas as medidas oportunas protexéndonos, pero non podemos tirar o lixo ás doce da mañá e non debemos deixar os contedores abertos”.