Ribadeo, 15 de abril de 2020. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, subliña que durante esta semana e a vindeira se están a ampliar e a reforzar as tarefas de desinfección no exterior e no interior do hospital asilo co obxectivo de garantir a seguridade dos usuarios e usuarias e dos traballadores. Estes traballos son costeados polo Concello. Mentres que a Deputación de Lugo estase a encargar da desinfección na nova residencia de maiores.
Freire Rancaño explicou que “desde o Concello de Ribadeo estamos ampliando e reforzando os traballos de desinfección tanto do exterior como do interior do hospital asilo para garantir así ao máximo a seguridade tanto dos usuarios como dos traballadores nesta situación de alarma provocada polo Covid-19. Desde a Área de Servizos Sociais e desde o Concello seguimos traballando para que a incidencia desta pandemia sexa a menor posible entre a nosa veciñanza, cun especial coidado aos nosos maiores por seren eles unha das partes máis vulnerables”.
A edil ribadense sinalou que “estas actuacións de desinfección levaranse a cabo durante esta semana e continuarán tamén na vindeira. Están contratadas á empresa pública Tragsa, que xa foi a encargada de facer estas labores a semana pasada, e durante estes días seguirá ampliando estes traballos de prevención. Son traballos de control, de precaución, que se fan dunha maneira preventiva en espazos que son máis vulnerables como pode ser o hospital asilo e aos que se suman tamén ás tarefas que esta mesma empresa está a facer na residencia municipal”.
O Concello destinou unha partida de 9.000 euros aos traballos de desinfección realizados por Tragsa en tres ocasións no hospital asilo.
Mónica Freire insistiu en que “o que perseguimos tanto o Concello como a Deputación no hospital asilo e no centro de atención ás persoas maiores é a súa máxima protección, de aí que esteamos a ampliar e a reforzar estas tarefas de limpeza e desinfección tanto no interior como no exterior dos dous inmobles”.