Cervo, 20 de abril de 2020. O Concello de Cervo, como medida preventiva, adquiriu dúas máquinas xeradoras de ozono para desinfectar espazos interiores susceptibles de estar en contacto co virus.
No día de hoxe, estas máquinas están a traballar intensivamente nas instalacións do Centro de Día Residencia, onde foron diagnosticados catro positivos por coronavirus, unha técnico e tres residentes, que están en corentena na primeira planta do centro.
Desde o inicio da crise o Concello, a través das delegación de Servizos Sociais e de Protección Civil, está en contacto directo e diario coa dirección do centro, coa que se deseñaron protocolos de actuación, a través do servizo de emerxencias municipal, para estar preparados no caso de que se identificase algún positivo.
Por este motivo, en canto se tivo constancia da nova situación, e logo de recibir a información por parte da dirección do centro, fíxose un despregamento inmediato de todo o operativo de desinfección.
No día de hoxe, ademais de poñer en funcionamento as máquinas de ozono, o servizo de emerxencias, sectorizou toda a planta na que están os residentes que deron positivo, identificando e balizando as zonas restrinxidas e as zonas de transición, onde se muda e se equipa o persoal antes de entrar a estes puntos “quentes”; e onde se desinfectan logo de atender aos enfermos; extremando as medidas de hixiene, tal e como veñen facendo desde o inicio da crise.
Desde o Concello de Cervo queren mandar unha mensaxe de ánimo e moita forza ás persoas usuarias e ao persoal do Centro de Día Residencia, polo seu incansable traballo e polo esforzo maiúsculo que están a facer para coidar e protexer aos nosos maiores.
Desde o Concello tamén queren lanzar unha mensaxe de tranquilidade porque afortunadamente estas persoas que deron positivo están asintomáticas, e atópanse ben nestes momentos.