O rexedor declarou que “dadas estas circunstancias que están a ocorrer derivado da pandemia hai que adaptarse e procurar, porque é a única maneira, que non se expanda este virus. Polo tanto, canta menos xente ande polas rúas e concentrada en diferentes lugares… mellor. Este último Real Decreto, que o explica perfectamente, invita a esta dinámica que se está facendo desde todos os ámbitos, tanto desde as empresas que mandaron á xente para casa coa intención de que recuperen esas horas, como tamén pasou no Concello onde hai unha serie de xente que non ten porque vir porque non son servizos esenciais, pero vai ter que compensar esas horas ata o 31 de decembro”.
Llano sinalou que “estamos procurando que se normalice a situación, que teñamos desde o Concello a facilidade para facer reunións, pero agora como non poden ser presenciais estamos mirando a alternativa da vídeo conferencia. É a nosa intención facer o pleno que corresponde a este mes de abril, esperamos que non haxa impedimentos derivados doutras circunstancias que nos eviten facer un pleno ordinario en abril. Queremos facelo a través de vídeo conferencia”.
O alcalde engadiu que “estamos mirando todas as posibilidades. Estamos traballando con Gestiona, que é unha empresa de cuestións telemáticas, polo tanto estamos mirando se podemos contar con técnicos desta empresa para poder facer o pleno a través de vídeo conferencia. Tamén queremos facer a través deste mesmo método o comité de seguimento do Covid-19 ou as diferentes reunións que poidan existir como as xuntas de goberno local, as comisións informativas, etc… Estamos traballando para ver si se poden ter esas instalacións dispostas para poder facelo. Evidentemente non é tan sinxelo, hai que ter unha estrutura, material e técnicos que che faciliten a labor”.
Por outra banda, Alfredo Llano manifestou que “estamos procurando desde o Concello facer o máximo que se poida, dentro das nosas posibilidades, para minimizar os efectos e poder axudar á xente que o necesite. Estamos atendendo a aquelas persoas que viven soas ou teñen dependencia e procuramos axudarlles dentro do posible. Tamén estamos no Concello sempre con xente por se houbera algunha necesidade, algunha información ou algunha atención que teñamos que facer. Dentro das posibilidades estamos intentando facelo o mellor posible co único obxectivo de lograr minimizar o efecto desta pandemia”.
Residencia de maiores
O alcalde falou hoxe coas autoridades sanitarias “para reclamarlles que fagan o antes posible os test do Covid-19 a todos os usuarios da residencia de maiores de Burela. Queremos que os residentes estean perfectamente controlados e así evitar contaxios desta pandemia dentro desas instalacións”.