Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela celebrou as comisións informativas telemáticas preparatorias do pleno do 30 de abril

 Burela, 28 de abril de 2020. No Concello de Burela celebráronse nas últimas horas as comisións informativas telemáticas para preparar o pleno que terá lugar o vindeiro xoves, 30 de abril. A sesión podería ser emitida vía streaming, aínda que esta posibilidade está pendente de confirmación. O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que o seu equipo traballa na elaboración do orzamento municipal para 2020, que tentarán levar a pleno o vindeiro mes de maio.
O rexedor contou que “onte fixemos as primeiras comisións informativas do Concello de Burela telemáticamente e realmente funcionou perfectamente. Vemos que é un bo método para, mentres dure o estado de alarma, facer todo tipo de reunións, de plenos e de comisións”.
Llano lembrou que “faremos o pleno extraordinario que corresponde celebrar o día 30, para tratar catro puntos: o inventario, a incorporación de Burela a Concellos polo clima e pola enerxía, imos tamén adxudicar a empresa de limpeza e aprobaremos o Plan Único, que temos para este ano 2020”.
O alcalde subliñou que “é unha experiencia boa, intentaremos facer tamén telemáticamente, dunha maneira óptima, o pleno e a ver se nos dan a dirección onde se pode recibir a través de streaming para toda a xente que queira poida seguilo”.
Alfredo Llano manifestou que “este é un pleno no que nos apura o Plan Único, que ao mellor non hai tanta presa porque o prazo non remata o día 3, como estaba previsto, senón que entrará en prazo despois do estado de alarma, e sobre todo a adxudicación da empresa que se vai encargar da limpeza viaria en Burela”.
O rexedor anunciou que “trataremos tamén de levar a pleno, en maio, o orzamento no que agora mesmo xa se está traballando e estamos en contacto coa Intervención para que se logre levalo a aprobación o vindeiro mes. Con iso imos avanzando, dentro do que é o noso propósito, de manter o Concello de Burela dunha maneira normalizada, dentro da normativa e con todas as vantaxes que nosoutros poidamos ofrecer co noso traballo”.

Exit mobile version