Madrid, 9 de abril de 2020. O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe a Orde ministerial de Facenda pola que se reducen os Índices de Rendemento Neto aplicables en 2019 no sistema de estimación obxectiva do IRPF (ou de módulos), que beneficia a agricultores e gandeiros afectadas por diversas circunstancias excepcionais.
Esta orde recolle a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) de minoración dos devanditos índices. Para aplicar a rebaixa, tivéronse en conta danos climáticos e outro tipo de adversidades, como os derivados de problemas de mercado.
En Galicia as reducións establecidas a escala nacional afectan a un amplo sector gandeiro e a producións notables dentro do seu ámbito territorial.
Beneficia, a nivel autonómico, a agricultores dedicados a cultivos como cereais, cítricos, froiteiros, leguminosas, oleaginosas e oliveirais, así como aos produtores de gandería extensiva, vacún de leite e apicultura.
No ámbito provincial e municipal destaca a rebaixa nos módulos para os produtores da castaña, de pataca e de forraxes.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) calcula que a aplicación desta norma no sector agrario supón unha rebaixa da base impoñible da orde de 614 millóns de euros no conxunto do sector agrario español, a maior cifra do último quinquenio e practicamente o triplo do ano anterior.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, o conxunto de todas as reducións pode supoñer unha minoración da base impoñible duns 7 millóns de euros.
Tamén se aplican á campaña de módulos 2019 reducións para os agricultores que utilicen electricidade para a rega, en aplicación dun coeficiente corrector que se introduciu en 2014 e que poderán seguir aplicando os agricultores que utilicen electricidade para a rega sobre o rendemento neto dos cultivos regados, e que supoñerá unha redución dun 20 % do mesmo.
Tamén se mantén a redución do 5 % do rendemento neto calculado polo método de estimación obxectiva para 2019. Trátase dunha medida de carácter horizontal que afecta á totalidade dos agricultores e gandeiros que tributen en estimación obxectiva.
SECTORES BENEFICIADOS EN GALICIA
Os sectores beneficiados con esta medida son:
Sectores agrícolas:
– Cereais de 0,26 a 0,18
– Cítricos de 0,26 a 0,18
– Froiteiros non cítricos de 0,37 a 0,30
– Leguminosas de 0,26 a 0,18
– Oleaginosas de 0,32 a 0,22
– Oliveiral de 0,26 a 0,13
Sectores gandeiros:
– Bovino de leite de 0,20 a 0,18
– Bovino de cría extensivo de 0,26 a 0,18
– Bovino de carne extensivo de 0,13 a 0,09
– Ovino de carne extensivo de 0,13 a 0,09
– Ovino de leite de 0,26 a 0,18
– Caprino de carne extensivo de 0,13 a 0,09
– Caprino de leite de 0,26 a 0,18
– Porcino de carne extensivo de 0,13 a 0,09
– Porcino de cría extensivo de 0,26 a 0,18
– Apicultura de 0,26 a 0,13
Outras minoracións que afectan a todo un ámbito provincial en Galicia son:
En Ourense:
– Castaña de 0,26 a 0,13
Ademais, efectuáronse importantes reducións a nivel municipal:
– Pataca de 0,26 a 0,18 en 33 municipios, incluíndo aos da comarca da Costa en Lugo
– Forraxes de 0,37 a 0,26 en 8 municipios de Lugo
– Castaña de 0,26 a 0,18 en 38 municipios incluíndo a comarca da Montaña en Lugo