Tras o encontro, por videoconferencia, no que tamén participaron a deputada e portavoz de Cultura, Olalla Roidil e Xavier Campos, membro da Executiva do BNG e asesor cultural da da Deputación da Coruña, Pontón manifestou que o sector cultural está sendo un dos máis castigados pola crise da COVID-19 e o goberno galego debe activar mecanismos para a súa recuperación económica e laboral. Neste sentido, avanzou que o BNG comprométese a defender o sector cultural galego e pide a Goberno poñer en marcha “un plan estratéxico” para incentivar o sector do libro e a lectura.
Consellería específica para o sector cultural
O BNG reclama protección para ás persoas autónomas do sector e considerar as librarías como sector cultural, cara a Facenda. Por outra parte, avanza que tras as eleccións, o BNG comprométese a que o sector conte cunha consellería dotada cun maior orzamento, a día de hoxe o 0,80% para dar resposta ao sector cultural galego.
A portavoz nacionalista insistiu na necesidade de incentivar o sector cultural con iniciativas entre as que destacou: Activar un “bono cultural”, un plan para dotar ás bibliotecas de libros, apoio ao tecido das librarías para impedir o seu peche e reprogramar o Xacobeo 2021 para que os creadores e creadoras do sector do libro sexan “unha peza clave” para que o investimento neste ámbito supoña un importante retorno económico no sector cultural galego.
Pontón recalcou que “as librerías son un elemento fundamental de dinamización cultural e social” polo que resulta imprescindible tomar medidas ante as consecuencias da crise. Nesta liña, apostou por “axudas específicas” para o sector da edición.
O encontro co sector do libro, súmase á dinámica de reunións que o BNG está a desenvolver con diferentes sectores, económicos, culturais, sanitarios e sociais co fin de recoller as demandas que serán trasladadas ao Comité de Análise e Reactivación Económica e Social, posto en marcha polo BNG cara unha proposta de País fronte á crise do coronavirus.