Burela, 14 de abril, 2020. A Asociación Mujeres en Igualdad Burela (BUMEI) naceu no ano 2012 coa finalidade de loitar contra a violencia de xénero e traballar na súa prevención, ademais de promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Dende o programa “Enténdote, colle a miña man!”, financiado por medio da RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral de Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre la renda das persoas físicas, para o ano 2019 (código de procedemento SI452A), traballamos por acadar a erradicación desta lacra social.
Unha das actuacións que se levan a cabo neste programa é a concienciación no ámbito veciñal e por este motivo estamos poñéndonos en contacto con asociacións de veciños coa intención de que nos axuden a chegar ao maior número de persoas posible a importancia que ten a implicación de toda a sociedade para lograr erradicar a violencia de xénero, e especialmente nos difíciles momentos que estamos a vivir na actualidade.
O confinamento nos fogares e o estrés asociado ao estado de alarma son factores que poden facer que a convivencia co agresor sexa moito máis difícil e, ao mesmo tempo, complica moito a posibilidade das vítimas de violencia de xénero para denunciar a súa situación xa que o control que habitualmente sofren por parte da súa parella vese agravado pola imposibilidade de saír do fogar. Do mesmo xeito, esta situación de illamento tamén pode facer que o agresor aumente o seu control sobre a vítima e os seus fillos así como a violencia psicolóxica que exerce sobre eles.
Por isto, queremos facer un chamamento á sociedade para que prestemos unha especial atención na nosa comunidade de veciños: “Se sospeitas que unha das túas veciñas pode estar sendo vítima de violencia de xénero, non o dubides e informa ás forzas e corpos de seguridade do Estado ou contacta co teléfono 016”.
BUMEI tamén lles fai chegar ás asociacións de veciños un díptico informativo elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia .