Viverio, 20 de abril, 2020. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, en representación do conxunto da corporación local e de todos os veciños e veciñas, quere expresar a súa dor e o seu pésame polo pasamento de Luz Pozo Garza, unha das figuras máis destacadas da literatura galega e Filla Adoptiva da nosa vila.
Luz Pozo tiña unha fonda vinculación con Viveiro, onde viviu 32 anos e naceron os seus fillos. A escritora naceu en Ribadeo o 21 de xullo de 1922, pero aos sete anos trasladouse a Viveiro, onde residiu ata 1938; regresou dous máis tarde, en 1940, e mantivo a súa residencia neste municipio ata 1963.
Durante a súa estadía en Viveiro, Luz Pozo exerceu como mestra e formou a numerosas xeracións de viveirenses, participou activamente na vida cultural e social da cidade e, sobre todo, estableceu unha relación especial coa nosa vila e as súas xentes, un vínculo que se mantivo ao longo da súa vida.
A súa ampla traxectoria, na que a poesía, a música e a arte están sempre presentes, debe ser valoradas tendo en conta o contexto cultural e histórico no que Luz Pozo Garza iniciou a súa carreira literaria.
“Nos seus inicios, nun mundo predominantemente masculino, soubo crear o seu propio espazo, proxectar o seu mundo literario e conseguir o respecto dos seus compañeiros. Son as mulleres como Luz Pozo Garza as que, no seu momento, abriron camiño para facer que, hoxe en día, sexa máis fácil a presenza das mulleres en todos os eidos”, destaca a alcaldesa de Viveiro.
O Concello de Viveiro traslada as súas condolencias á súa familia e sempre lembrará a Luz Pozo Garza, mantendo vivo o seu legado. A súa obra e a súa vida son tamén parte da historia da nosa vila. Grazas!