Gómez Reino lembrou que o 40% das persoas falecidas en Galicia por Covid-19 eran usuarios desas residencias, e alertou de que familiares e traballadores levan semanas denunciando as enormes carencias de persoal, medios sanitarios e equipos de protección que impiden na práctica que se cumpran as normas máis elementais de seguridade contra a expansión da epidemia.
Gómez Reino subliñou que a coalición “ten constancia” de que varios familiares de persoas falecidas nas residencias optaron por presentar demandas na Fiscalía do Estado reclamando que se investigue a responsabilidade da Xunta nesas mortes, “pola súa inacción” e pola falta de medios e de persoal nos centros privatizados.
Pola súa banda, Martiño Noriega destacou que Galicia en Común- Anova Mareas propuxo a Feijóo que interviñese as residencias en canto se declarou a alerta sanitaria. “Sabiamos que se atopaban nunha situación de extrema fraxilidade despois de once anos de recortes e privatizacións, dixo.
“Os Gobernos de Feijóo permitiron e fomentaron durante anos que se fixese negocio coa saúde e o benestar dos nosos maiores, e agora é un imperativo que a Xunta asuma a súa responsabilidade e exerza todas as súas competencias facéndose cargo da súa xestión e garantindo que os usuarios reciben os coidados e protección que precisan”, engadiu Noriega.
Pola súa banda, Eva Solla cualificou de “auténtico desastre” a xestión da crise por parte da Xunta nos centros de maiores e persoas dependentes. “Advertimos desde o inicio que non había equipos de protección suficientes nas residencias públicas dependentes da Consellería de Políticas Sociais”, destacou.
“Non nos fixeron caso e apareceron positivos neses centros”, dixo. “Pero ademais destaca, por nefasta, a xestión nos centros concertados, fundamentalmente os da empresa DomusVi. Tanto persoal como residentes seguen a contaxiarse porque seguen sen medios e nin sequera contan con servizos de limpeza axeitados”, denunciou.