A Coruña, 8 de abril do 2020. O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, esixiu hoxe a Alberto Núñez Feijóo que poña freo aos despedimentos de persoal sanitario temporal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) afectado pola Covid-19.
“Mentres a cidadanía apláudeos polas tardes, a Xunta despídeos pola mañá. É intolerable”.
Gómez Reino referiuse á denuncia da Confederación Intersindical Galega (CIG), que asegurou onte nun comunicado que o Sergas está a enviar ao paro aos médicos e enfermeiras que caen de baixa vítimas do contaxio polo virus e que teñen contratos temporais.
“Os sanitarios son a nosa principal liña de defensa contra o virus e non merecen ese trato. O mínimo que debería facer a Xunta é garantirlles un contrato único mentres dure a emerxencia”, dixo.
O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas anunciou que o Grupo Común da Esquerda pedirá a comparecencia inmediata do conselleiro de Sanidade ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, para explicar os despedimentos e, tamén, dar conta da dramática situación que padecen as residencias de maiores da comunidade.
“Estamos a recibir denuncias de familias de usuarios e de traballadores de residencias que indican que se está poñendo en risco as súas vidas. É unha vergoña que tivese que ocorrer esta epidemia para poñer ao descuberto as enormes carencias de tantos anos de recortes e privatizacións no sistema asistencial á terceira idade”, subliñou Gómez Reino.
O voceiro da coalición nsistiu en que a Xunta “ten que exercer as súas competencias e intervir e medicalizar xa as residencias. Levamos semanas dicíndollo”.
Nese sentido, Gómez Reino lamentou que non fose ata onte cando a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a orde que obriga a todos os centros sanitarios e sociosanitarios do país para comunicar con carácter obrigatorio as mortes relacionadas coa Covid-19.
“Se queremos combater eficazmente a epidemia, temos que coñecer todos os datos sobre a súa expansión e a súa gravidade. Feijóo ten que actuar con transparencia e con lealdade á cidadanía. Isto non se combate só con propaganda”, advertiu.