A Coruña, 25 de abril de 2020. O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, presentou hoxe unha serie de propostas enfocadas á protección das persoas con maior risco de vulnerabilidade e das familias galegas que se atopan nunha situación inesperada e incerta ante as consecuencias económicas da crise sanitaria.
“A loita contra a epidemia e a desescalada non se fan con propaganda senón con consenso, diálogo e políticas dirixidas a armar un escudo social contra a crise que impida que ninguén, absolutamente ninguén, quede atrás”, dixo Gómez Reino.
Entre as propostas de Galicia en Común-Anova Mareas (o documento completo vai anexo a esta nota) figura o establecemento dunha Renda Vital de Emerxencia (RVE) para todas aquelas persoas e familias que non contan con ingresos ou liquidez para garantir a súa subsistencia e cubrir as súas necesidades básicas, e que deberá ser compatible co Ingreso Mínimo Vital que prepara o Goberno do Estado.
Segundo explicou Gómez Reino, a contía desa RVE deberá ser suficiente e proporcionada “para garantir os pagamentos de alugueiro de vivenda, alimentación e subministracións básicas da unidade familiar como electricidade, auga, gas, medicinas, etcétera”.
Gómez Reino lembrou que, segundo datos da propia Xunta, case un de cada catro familias galegas atopábanse en situación de risco de pobreza xa antes da crise sanitaria, e que máis de 330.000 fogares padecían carencias materiais elementais.
“A Xunta ten que deseñar e executar un plan que impida que esas cifras se disparen aínda máis, e cremos que as nosas propostas son razoables e necesarias para acadar ese obxectivo”.
Ademais da Renda Vital de Emerxencia, Galicia en Común-Anova Mareas propón a suspensión da cobranza de taxas e impostos autonómicos a aquelas persoas e familias que acrediten a perda dos ingresos; habilitar liñas de axuda urxente aos concellos para incrementar os recursos materiais e humanos dos servizos sociais municipais; e flexibilizar prazos e requisitos para axudas de continuidade, como bolsas comedor ou as prestacións ligadas á renda vital de emerxencia.
A coalición tamén reclama á Xunta que amplíe e prorrogue o Programa do Servizo de Axuda á Dependencia; que reforce os servizos de teleasistencia para a adecuada atención e cobertura a persoas soas, maiores, con dependencia e casos positivos ou illadas a causa da Covid-19; que implemente un plan específico de atención a domicilio de persoas con enfermidades mentais; que garanta solucións habitacionais aos colectivos máis vulnerables con axudas ao alugueiro para familias con ingresos insuficientes; que proporcione axudas á conciliación ás persoas con menores a cargo ou con dependencia; e que axilice os procedementos de solicitude e concesión de axudas.