Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia en Común-Anova Mareas reclama a comparecencia da conselleira de Educación ante a incerteza que viven alumnos, profesores, traballadoras e nais e pais de Galicia

Compostela, 4 de abril de 2020. Galicia en Común-Anova Mareas rexistrou este venres no Parlamento a petición de comparecencia da conselleira de Educación na Cámara galega, xunto a outros grupos da oposición, para que dea explicacións ante a incerteza que vive a comunidade educativa pola crise do Covid-19.

“Nun momento de máxima preocupación pola emerxencia sanitaria como o actual, un goberno responsable debe dar respostas claras e son moitas as respostas que a comunidade educativa está demandando” sinalou a voceira da formación na Cámara galega, Luca Chao.

“Hai incerteza entre as familias, entre o profesorado e entre o alumnado, que non saben que vai pasar cos útlimos meses de curso”, engadiu Chao. Desta maneira, remarcou que “ten que aclarar asuntos clave, como que se vai facer para loitar contra a fenda dixital, que segundo os últimos datos coñecidos, deixa fóra un 30% do alunmado”.

Ademais, a voceira indicou que “queremos saber que se vai facer para poñer as notas a final de curso, pois entendemos que nesta situación non se pode pretender facer unha avaliación normal e sistemática”. Por outra banda, considerou que a conselleira “debe aclarar que vai pasar coas opositoras e opositores, que ven con preocupación como pasan os días sen saber que vai ser do seu futuro”.

Para concluír, Luca Chao incidiu en que “hai moitas outras cuestións que cómpre explicar, como a atención á diversidade e ás necesidades educativas especiais ou a situación do estudantado universitario”. Polo tanto, “agardamos que compareza na vindeira semana e responda con claridade para poñer luz a todas estas cuestións nun momento de máxima dificultade”.

Exit mobile version