Lugo, 8 de abril, 2020. O sector hostaleiro estima que a caída da facturación anual dos seus negocios, como consecuencia da crise do coronavirus, podería situarse ao redor dun 30 ou un 40 %. Esta é unha das conclusións da enquisa que realizou Hostelería de España, a patronal do sector na que está integrada a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).
Desde a Apehl, con estes datos, revelan que “o 87,67 % dos hostaleiros cualifican de peores as vendas do primeiro trimestre de 2020 en comparación co mesmo período de 2019. Así mesmo, o 86,31 % tamén as sitúan por baixo das realizadas no último trimestre de 2019. En canto ás expectativas, non son alentadoras, posto que o 90,39 % dos hostaleiros enquisados percibe que as vendas do segundo trimestre do ano van ser peores que as do primeiro trimestre ou as actuais, e tan só o 5,85 % cre que poden manterse igual”.
Os resultados da enquisa tamén recollen as decisións que tiveron que tomar os empresarios hostaleiros desde que se decretou o estado de alarma o pasado 13 de marzo. Así, a Apehl destaca que “o 93,02 % dos hostaleiros afirma que tivo que cesar totalmente a actividade, mentres que o 4,66 % cesou definitivamente o seu negocio e tan só o 2,33 % mantivo servizos de entrega a domicilio”.
Dos negocios hostaleiros que cesaron temporalmente a actividade, o 75,03 % acolleuse a un ERTE, o 8,61 % acolleuse a liñas ICO de financiamento e o 3,88 % optou pola opción de vacacións adiantadas. Con todo, o 58,96 % sinala que vai ter que realizar un reaxuste de persoal cando se renove a actividade.
Outra das conclusións que sacou a Apehl desta enquisa realizada pola patronal é que “o 63,40 % dos hostaleiros sinala que tivo ou está a ter problemas para acollerse ás medidas aprobadas polo Goberno para paliar os efectos económicos da crise do coronavirus”.
O pago da cotización de autónomos é o principal problema ao que se están enfrontando os empresarios hostaleiros, sendo este sinalado polo 80,34 % dos enquisados como un dos maiores obstáculos, seguido do pago de taxas e impostos das subministracións de enerxía (sinalado polo 55,77 %) e dos impostos de terrazas, IBI ou outras obrigacións de pago ás administracións, como o IVE, que son percibidas como ameazas a curto e medio prazo polo 52,34 % dos hostaleiros.
Ramón Montenegro, 15 Entlo. 27002 LugoTfno.: 982226912 Fax: 982244256
comunicacion@apehl.org
Como consecuencia, “o 79,53 % dos hostaleiros demanda ao Goberno a suspensión total da cotización de autónomos e o 78,13 % solicita a suspensión de impostos municipais (como o IBI, lixos, auga ou terrazas, entre outros) como medidas para poder afrontar a crise do coronavirus sen ter que botar o peche aos seus negocios”, subliñan. Reivindicacións seguidas pola “suspensión temporal do pago dos arrendamentos dos locais (o 57,19 % dos enquisados considera que é unha medida que ha de tomar o Executivo), a flexibilización do financiamento bancario (solicitada polo 50,99 %) e a moratoria no pago das hipotecas (sinalada polo 39,18 %)”, engaden.
Os resultados da enquisa son un reflexo da percepción do sector hostaleiro, que xa presaxia que imos vivir o peor verán da historia do noso país e estima que as consecuencias económicas vanse prolongar ao longo de todo o ano. Ante isto, desde a Apehl finalizan instando o Goberno a que “escoite as peticións dos negocios hostaleiros, a inmensa maioría formada por autónomos e pequenos cadros de persoal, porque necesitan que se tomen medidas de urxencia se non queremos levar á quebra a este sector tan importante para a economía e a sociedade española”.