Máis non sempre é mellor, ás veces mal é ben e viceversa, a búsqueda da verdade é un paradoxo constante non exento de sufrimento.
A risco de resultar impopular, resabido ou petulante quero transmitir a miña primeira verdade: non todo vai saír ben.
De feito, acho que desde comezou esta macabra loucura, hai danos que xa non terán amaño, duras disputas pendentes de resolución, sangue, suor e moitas bágoas.
A natureza, tan cruel como xenerosa, ten os seus propios mecanismos de auto regulación, e impasible ante o noso antropocentrismo narcisista, sega día a día a vida dos máis febles. Estamos chegando ás 100.000 defuncións no conxunto do sistema mundo.
E xa para rematar, non, non hai garantías nin oráculos, tan só incerteza aderezada cunha dose de medo, combinación esta que nalgunha ocasión materializa en solidariedade e noutra na miseria do egoísmo cotiá.
Mais a privación de liberdade pode ser unha ventá de oportunidade; logo da sobreexcitación inicial toca arrefriar e comezar a analizar. O confinamento demostra que, ao tempo que non somos capaces de aturarnos con tódalas comodidades e medios, precisamos estar recoñecéndonos constantemente.
Unha boa parábola do noso modelo de organización social no que, incluso aqueles que acadan as cotas de consumo material máis altas, rematan afectos de depresión ou trastornos psiquiátricos.
En calquera caso quere ser esta opinión un convite á reflexión, aquela que nace da privación de liberdade.
O 4 de xuño de 1928 foi condenado Antonio Gramsci a 20 anos, 4 meses e 5 días de prisión na cadea de Turi onde escribiría os seus cadernos.
Logo de 2 anos e 3 meses privado de liberdade Gramsci puido conseguir libros, pluma e tinta. Antes de poder escribir insistiu en poder ler pedíndolle á dona do seu departamento o envío de tres libros: a gramática alemán, o breviario de lingüística Bertoni e Bartali e unha Divina Comedia.
Un Gramsci aflixido do mal de Pott, tuberculose e arteriosclerose escribiu os seus cadernos entre o 29 e o 35 falecendo dous anos despois.
O Ministerio Fiscal na conclusión final do alegato de acusación que interesaba a condena de Gramsci pedía que “por 20 anos debían de impedir a ese cerebro funcionar.”
Agora moitos temos tempo, outros por fortuna tamén saúde, non podemos permitirnos a indiferenza de non reflexionar. Un mundo novo está por vir.