Site icon Crónica3.com A Mariña

“Cómpre un novo pacto xeracional”, por Xabier Grandío

A crise sanitaria orixinada polo Covid-19 amosou a fraxilidade da nosa sociedade. Moitos crecemos nun mundo onde as situacións límite non eran a norma, senón a excepción. Unha enfermidade letal serviu para ver até que punto todo o armazón que nos “protexía” era feble.
Cando escribo estas liñas, non poido deixar de pensar que non estivemos á altura, como sociedade, dos nosos maiores. Non pretendo individualizar e son consciente da morea de comportamentos heroicos que hai todos os días en todos os sectores da poboación. Pero tampouco poido esquecer que en Galicia o 91 % dos falecidos son persoas de máis de 65 anos e que moitas mortes eran evitables.
As causas de como chegamos a este punto son varias e teranse que depurar responsabilidades no seu momento. Quizais as medidas de confinamento tomadas polo Gobierno de España foron tardías. Quizais a falta de medios sanitarios e de camas de UCI influíu. Quizais o modelo de xestión das residencias da Terceira Idade debería revisarse. Sinceramente, creo que non hai unha explicación única pero, sexa como for, si que hai unha lección que temos que aprender.
Esta ten que ser a derradeira vez en que un colectivo da poboación tan amplo queda desprotexido. A reconstrución será dura, os que podemos traballar teremos que esforzarnos máis e veñen tempos difíciles, negalo sería ridículo. Pero este é un bo momento para que nos plantexemos cal é modelo de sociedade que queremos para o futuro.
Teño claro que a sociedade que saia desta crise non pode excluír a ninguén, e os dereitos dos maiores teñen que ser in-to-ca-bles. A solidariedade non ten que ser só social, senón que tamén ten que abranguer todas as xeracións. As persoas que traballan hoxe teñen a obriga de devolver aos maiores o que estes fixeron no pasado e de garantir que as persoas novas poidan asumir as súas responsabilidades no futuro. Se este principio creba, estamos ante un Estado falido.
Polo tanto, cómpre un novo pacto xeracional e que todos lembremos a importancia da solidariedade, non só cando se fala de redistribución da riqueza senón, tamén, da necesidade de que ningún segmento da poboación quede fóra.

Exit mobile version