Site icon Crónica3.com A Mariña

Cespa realiza a diario tarefas de limpeza e desinfección nas rúas e espazos públicos de Viveiro

 Viveiro, 9 de abril de 2020. A compañía Cespa, encargada dos servizos de limpeza viaria e recollida de residuos dos concellos lucenses de Viveiro e Sarria, está a realizar a diario e desde o comezo da actual crise sanitaria do COVID19 tarefas de limpeza e desinfección das rúas e espazos públicos de ambos os municipios.

Nos traballos de desinfección, que utilizan unha disolución de hipoclorito de sodio, o persoal de Cespa presta unha especial atención ás proximidades dos centros de saúde, supermercados, oficinas bancarias, farmacias e outros establecementos comerciais que permanecen abertos para atender as primeiras necesidades das poboacións de Viveiro e Sarria.

A empresa concesionaria limpa e desinfecta todas as rúas do municipio de Viveiro de forma manual con axuda dunha hidrolimpadora sobre furgón. Tamén se incorporará en breve un atomizador de mochila.

En Sarria os traballadores de Cespa están a lavar e desinfectando todas as rúas do municipio de forma manual con apoio dunha máquina sulfatadora sobre un vehículo auxiliar.

Tanto en Viveiro como en Sarria, a compañía Cespa segue desde un primeiro momento na operativa diaria da xestión desta crise todas as indicacións pautadas polo Ministerio de Sanidade, a Consellería de Sanidade, os propios concellos e a Organización Mundial da Saúde.

Os responsables da empresa están en contacto continuo con ambos os gobernos locais para coordinar todas as medidas, garantindo a mellor prestación do servizo nestes momentos de situación excepcional e velando pola seguridade e a saúde dos traballadores, aos que agradece o seu esforzo.

Exit mobile version