Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020. Comisións Obreiras (CCOO) esíxelle á Xunta de Galicia que, no marco das súas competencias, elabore un plan de recuperación a curto e medio prazo da economía galega. O dito plan ha situar en primeiro lugar a atención ás persoas, amais de responder tamén ás necesidades das empresas. Segundo a secretaria de Emprego e Previsión social do sindicato, «cómpre dignificar e dotar de recursos o sector sanitario, sociosanitario e da protección social para garantir unha saída da crise que non deixe ninguén atrás».
Así mesmo, CCOO insta o Goberno central a poñer en marcha «todas as medidas previstas» para garantir a protección social e os ingresos que lles permitan «vivir con dignidade» ás persoas que están sendo máis afectadas por esta crise. Tamén pide actuacións para a volta á actividade, seguindo os criterios da autoridade sanitaria, de xeito que se garantan a seguridade e a saúde no traballo.
As peticións de CCOO realízanse no mesmo día en que se publican os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre do ano. Os datos están «fortemente» influenciados por mor da pandemia e revelan un incremento do desemprego no noso país. Con todo, a propia maneira de elaborar esta enquisa «non amosa a situación con toda a súa dureza». Para poder ter unha «fotografía fiel da realidade laboral en Galicia» será necesario agardar á próxima EPA ou, a curto prazo, os datos de paro rexistrado e de afiliación á seguridade social de comezos de maio.
Esta problemática débese a unha cuestión metodolóxica, xa que as variables definidas pola EPA, seguindo os criterios da Organización Internacional do Traballo e de EUROSTAT, non inclúen ás persoas afectadas por regulacións temporais de emprego (ERTE) de suspensión. Para os efectos estatísticos, considéranse ocupadas se a dita suspensión for inferior a tres meses. Por outra parte, as persoas que perderon o emprego ou cesaron a actividade non aparecen recollidas como desempregadas, xa que non están buscando un emprego nos termos en que o recolle a EPA.
Aumento do desemprego
Asemade, a enquisa ofrece estimacións de trece semanas, das cales só dúas están afectadas polo estado de alarma —decretado o 14 de marzo—. Malia estas distorsións da metodoloxía, os datos reflicten unha perda de 13 000 empregos en Galicia e un aumento do desemprego de 11 000 persoas. Os datos amosan tendencias sobre cales son os colectivos máis castigados pola destrución de emprego: mulleres, persoas menores de 34 anos e traballadores ou traballadoras do sector dos servizos.
Aínda que a perda de emprego afecta tanto o emprego asalariado coma o emprego por conta allea, os datos publicados hoxe recollen un maior impacto no primeiro, especialmente no temporal. Por sectores, hai un lixeiro crecemento no emprego público e unha caída significativa no eido privado.
Máis fogares sen ingresos
Segundo a EPA, neste primeiro trimestre do ano hai 38 000 persoas máis ca en decembro que declararon que non traballaron, 128 000 en total, e aumentan un 9,4 % os fogares con todas as persoas en desemprego (57 200 en total). Ao tempo, os fogares sen ingresos sitúanse en 32 700 (8,6 % máis).