Para Castiñeira “resulta inexplicable que na conxuntura na que nos atopamos, en plena crise sanitaria e ás portas, ou xa metidos, nunha crise económica de gran calado, o presidente da Deputación siga empeñado en non gastar nin un euro da Deputación na adopción de medidas directas por parte do organismo provincial para axudar aos lucenses a superar esta situación”. Castiñeira di que non cuestiona, senón todo o contrario, medidas como o adianto de cartos aos concellos, pero recoñece que non acerta a entender por que Tomé non deseña intervencións directas da Deputación fronte á crise. Declarou: “Hai unha evidente falta de iniciativa, pero non só fronte ao COVID-19 e todo o que implica a crise sanitaria propiamente dita, senón que é clamorosa a falta de previsión e de planificación fronte ao que se nos vén enriba nos próximos meses en materia económica e social”.
O portavoz popular critica que o goberno provincial non respondera ao ofrecemento do PP para manter unha reunión telemática da xunta de portavoces. “Parécenos, para empezar, unha falta de elegancia política. Nós expuxemos por activa e por pasiva a nosa vontade de colaboración leal e de traballo nunha situación extraordinaria como é esta. Esta vez nin resposta tivemos”. Engade Castiñeira: “É unha maneira de ningunear aos concellos máis pequenos, de pasar deles, quizá porque cre que así ningunea ao PP, que goberna en máis da metade dos municipios da provincia; equivócase o presidente da Deputación, porque deste xeito a quen ningunea é aos lucenses que residen neses concellos”. Di tamén o portavoz popular: “É unha maneira de gobernar moi sectaria, que se resiste a recibir axuda por parte do grupo da oposición que, como é sabido, é o máis numeroso da corporación, a só un deputado da maioría absoluta”.
Desatender aos concellos máis pequenos foi, segundo opinión de Castiñeira, rexeitar as emendas do PP ao Plan Único, entre elas unha para incrementar en 700.000 euros o seu orzamento. E tamén é desatención a falta de medidas de aplicación directa, e non por medio dos concellos, da propia Deputación. Para falar de iniciativas deste tipo, solicitou o PP a reunión da xunta de portavoces. Unha das propostas populares é que a Deputación, que dispón dun fondo de continxencia, dotado con case un millón de euros, adquira, con cargo a ese fondo, o material que demanden os concellos en función das necesidades de cada un deles.
Castiñeira di: “Lamentamos sacar esta conclusión, pero todo nos leva a pensar que Tomé pasa dos concellos pequenos. Dálle igual o que pensan a metade dos concellos da provincia que teñen gobernos populares; nós queremos seguir sumando, pero atopámonos cun goberno sectario e con total falta de previsión e planificación e os que pagan as consecuencias son os cidadáns, os lucenses”