Lugo, 1 de abril, 2020. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, responde á carta do alcalde do Valadouro dirixida á Xunta sobre o reparto de material de protección para os concellos.
Todos debemos sumar nesta situación de emerxencia sanitaria. A Xunta vai seguir traballando e axudando aos municipios, malia que, ata o momento, somos a única administración que o está facendo.
Transcrición do texto:
Estimado alcalde,
Teño que avanzarlle a nosa sorpresa polo contido da carta dirixida por vostede a esta administración con data 31 de marzo de 2020 e, en relación á mesma, quixéramos facerlle unha serie de consideracións:
En primeiro lugar, como vostede debera saber, desde a aprobación do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma (artigo 13) o Goberno de España asumiu a centralización da adquisición e distribución de equipos de protección. Unha competencia exclusiva estatal que, polo momento, non se está a cumprir con efectividade creando unha situación de desatención das necesidades dos municipios.
O retraso e manifesta escaseza das subministracións enviadas dende a Administración Xeral do Estado é a que obrigou á Xunta de Galicia a buscar vías para adquirilos por nós mesmos; para poder atender prioritariamente ás necesidades da sanidade pública galega, dos centros sociais e tamén dos concellos. Parte deste material é o que o seu Concello recibiu. Comprenderá que resulta particularmente curioso que cuestione o traballo da única administración que está achegando este material aos municipios, sen ser a súa competencia directa.
Esta distribución, que lle comuniquei persoalmente por vía telefónica, terá a súa continuidade nos vindeiros días cun segundo envío que suporá unha achega global, para o Concello do Valadouro, dun total de 411 mascarillas, 600 luvas e 58 traxes, ademais de diverso material para limpeza e desinfección. Teño que dicirlle tamén que é vontade da Xunta manter periodicamente este envío de material e ademais facelo a través dun novo sistema de distribución polo que chegará o material ao propio concello, evitando desprazamentos.
En segundo lugar, de xeito complementario, a Xunta tamén decidiu poñer en marcha outras medidas de apoio aos concellos como a desinfección de centros de saúde e residencias, iniciativa da que o seu concello tamén se beneficiou. Son espazos de especial risco e atención durante a evolución da pandemia. Entendemos que esta colaboración é do seu agrado e continuaremos programando estas accións salvo que teñamos instrucións distintas pola súa parte.
En terceiro lugar, indicarlle que nos sorprende que no seu escrito acuse á Xunta de facer apoloxía partidista e, no mesmo texto, pretenda excluír de todo compromiso á Deputación de Lugo, supoñemos que movido pola maior afinidade política. A colaboración que demandamos a esa entidade non é diferente da que se está a prestar na veciña provincia de Ourense, onde a Deputación decidiu sumar forzas coa Xunta e contribuír a adquisición directa deste material para despois distribuílo entre os concellos. Ao noso entender trátase dun exemplo a seguir, sobre todo tendo en conta que a única competencia directa que teñen as deputacións é a asistencia e apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes que, no caso da nosa provincia son 66 dos 67. Sería desexable unha colaboración leal e sincera entre administracións, porque as necesidades municipais son moitas ante un problema sanitario deste envergadura, e non se entendería posicionamentos partidistas.
Xa por último, e a nivel particular, quero dicirlle que non entendemos a súa queixa, que non me trasladou nas moi diversas ocasións nas que mantivemos contacto:
•O luns 23 de marzo, cando a través dunha chamada telefónica púxenme a disposición de vostede ante calquera necesidade que dependera da Xunta,
•O xoves 26 de marzo cando transmitín que a Xunta tiña dispoñible para recollida o primeiro envío de material de protección do que se beneficiou o Concello.
•Días despois cando chamou para facer unha consulta, aclarada con posterioridade pola xefa territorial da Consellería de Sanidade
•E hoxe mesmo, para comunicarlle o segundo envío de material de protección do que é beneficiario o Concello do Valadouro
A pregunta que xurde ante esta cuestión é moi clara, ¿houbo algunha administración que estivera tan pendente das necesidades municipais do Valadouro como a Xunta de Galicia?
Prégolle faga extensible esta carta aos distintos Grupos Municipais que conforman a Corporación, na seguridade de que é consciente do esforzo que todos estamos facendo nestes momentos,
Reciba un cordial saúdo.
José Manuel Balseiro
Delegado territorial da Xunta en Lugo