Barreiros, 15 de abril de 2020. O Concello de Barreiros pon en marcha un curso a distancia de debuxo e pintura dirixido ás nenas e nenos, mais tamén para persoas adultas, que será impartido polo acuarelista leonés Juan Ramón Alves.
A iniciativa partiu do propio artista, que ten vivenda en Barreiros, e que xa no verán pasado mostrara a súa obra no centro sociocultural barreirense. A proposta foi moi ben acollida polo executivo local, ao tratarse “dunha iniciativa de aprendizaxe e entretemento que nos fai chegar unha persoa con un alto coñecemento da técnica e que se presta a compartilo gratuitamente co conxunto da veciñanza.”
“É un luxo poder contar coa colaboración totalmente desinteresada dunha persoa do nivel de Juan Ramón Alves para achegar as técnicas de debuxo e pintura ás veciñas e veciños”, sinala a alcaldesa. Para Ana Ermida, este tipo de propostas como a ofrecida por Alves “demostran que nas situacións máis adversas sae o mellor das persoas que están dispostas a aportar tempo e coñecemento aos demais para axudar a levar mellor estes momentos”, agradece.
“Pinteando en Barreiros”, o grupo de facebook para aprender.
Para a posta en marcha do curso cóntase con un grupo de facebook chamado “Pinteando en Barreiros”, xestionado polo propio artista e persoal municipal, no que se compartirán as leccións e indicacións.
Aquelas persoas que teñan interese no curso, deberán trasladalo por mensaxe privada ou comentario na páxina de facebook do Concello de Barreiros ou solicitando a inclusión no grupo.
No grupo, o artista proporcionará contidos e actividades para ensinar as técnicas de debuxo e pintura e compartirá ensinanzas mediante documentos e titoriais para acompañar ás persoas que participen.
Haberá distintas publicacións dirixidas ás nenas e nenos e tamén a persoas adultas para que o grupo sexa dinámico e adaptado ás circunstancias de cada quen.
“Non se trata dun curso no que se busquen cualificacións finais, nen moito menos. Do que se trata é de que as persoas que poidan ter interese e lles apeteza practicar estas técnicas conten con un acompañamento profesional e as poidan desenvolver do mellor xeito posible, contribuíndo a ocupar o tempo libre e fomentando a capacidade artística da xente”, explican desde o goberno municipal.
Desde a institución municipal animan ás veciñas e veciños a participar nesta experiencia e compartir as súas aprendizaxes nas redes sociais baixo o cancelo #PinteandoEnBarreiros.