Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos e familias con poucos recursos de Ribadeo reciben axuda da Xunta para material educativo

 Ribadeo, a 26 de abril de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, explica que a Xunta de Galicia facilita a educación a distancia coa doazón de distintos recursos facilitados pola consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Vega relata que o Goberno de Galicia prevé ampliar a entrega xa realizada de 2.750 portátiles con conexión á rede de balde dirixidos principalmente ao alumnado de 4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP; así coma a aquelas familias que non dispoñan nos seus fogares de ordenador ou conexión á rede.

Trátase de recursos xa existentes a través da estratexia EduDixital 2020 -aulas virtuais de webs dinámicas, plataforma E-Dixgal, portal Espazo Abalar, rede profesional Redeiras, plataforma online Agueiro, aplicación Abalar Móbil e plataforma online Escolas na nube- aos que se engaden outros facilitados trala declaración do estado de alarma.

É o caso da posta en marcha dun novo espazo de servizos dixitais educativos que ofrece información e da acceso aos recursos anteriores; a posta a disposición dos docentes dunha guía para a teleformación; materiais didácticos para o profesorado de FP; unha plataforma de videoconferencia que permite aos docentes interactuar en tempo real co alumnado a través de imaxe e son; ou a apertura de contidos da plataforma E-Dixgal grazas á colaboración cos provedores da plataforma.

E, por outra banda, o popular lembra tamén que “a consellería de Educación colabora coa CRTVG para facilitar contidos educativos de forma simultánea na web da corporación da radio e televisión pública galega e da canle G2”. Igualmente, o executivo autonómico ten habilitado axudas para as familias de usuarios de comedores escolares durante o período no que estean suspendidas as clases presenciais.

Máis protección
A Xunta vén de realizar a quinta entrega de material ao Concello. Trátase da doazón de 300 máscaras cirúrxicas, 300 luvas, 4 botes de xel hidroalcólico, 3 garrafas de lixivia e 5 traxes de protección para loitar contra a propagación do Covid-19.

Deste xeito, dende que a administración autonómica adquiriu material pola súa conta, a pesares de ser esta unha competencia que asumiu directamente o Executivo central, leva doado a Ribadeo un total de 1.378 máscaras, 1.443 luvas, 17 botes de xel hidroalcólico, 21 garrafas de desinfectante, 80 traxes de protección, 50 batas e 6 buzos.

Vega recorda que “a Xunta ten doado tamén material de protección ás dúas residencias públicas da terceira idade e ás vivendas comunitarias para contribuír a minimizar o risco de contaxios entre os maiores -un colectivo especialmente vulnerable- e os seus coidadores que traballan diariamente por prestar a atención que os maiores merecen”.

O voceiro do PP ribadense destaca “a xestión eficaz e eficiente que está a facer o executivo galego ante esta crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus. Son diversas as medidas que ten posto en marcha o goberno de Feijóo en diversos ámbitos tanto para atender as necesidades dos galegos e galegas coma para paliar os efectos económicos da pandemia”.

“Coa achega deste material de protección, a Xunta contribúe tamén a que os traballadores municipais e os profesionais da asistencia sanitaria poidan realizar o seu traballo con garantías”. Así, pon en valor o popular este tipo de axuda en forma de material procedente dos recursos propios da Xunta, da doazón por parte de empresas, institucións e mesmo particulares.

Exit mobile version