Precisamente, no día de onte, o presidente e o xerente da patronal, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, mantiveron un encontro telemático con Daniel Vega no que abordaron esta xestión e lle transmitiron as súas peticións e inquietudes ao respecto da actual situación.
O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, amosoulle así ao deputado autonómico o seu agradecemento polos trámites realizados: “para nos é moi importante que contemos a semana que vén coas máscaras que puidemos adquirir grazas ás xestións realizadas por Daniel Vega, así como dispor de luvas, xel e o material gráfico normativo, que puidemos adquirir co respaldo económico da Xunta de Galicia”.
Pero tamén é importante, “que o deputado autonómico e concelleiro ribadense nos amosase a súa plena disposición a seguir colaborando, algo que fixo dende o primeiro momento”. Concretamente, salientou Iriarte: “manifestounos que todo o comercio de Ribadeo e todos os comerciantes merecen isto e máis. Díxonos que estaba do noso lado para seguir traballando e para que a desescalada sexa o menos traumática posible para o comercio e para a nosa vila”.
E é que, segundo explica o xerente de Acisa Ribadeo, logo desta colaboración, “a día de hoxe xa recibimos 1.300 máscaras, que se comezaron a repartir nos negocios esencias abertos ao público. A elas sumaráselles outras 2.000 que se recibirán na próxima semana, e estamos pendentes de pechar un novo pedido de 1.000 máis. Estamos a falar dun total de 4.300, ás que se une o pedido de 180 xeles hidroalcohólicos e 100.000 luvas. Ademais, estamos a elaborar o material que será obrigatorio ter coas novas normas e recomendacións, de aforo, de distancia, de uso de proteccións… Con isto pretendemos que o feito de volver a abrir non lles custe máis cartos dos necesarios aos nosos socios, xa que se trata dun material gratuíto para eles”.
Iriarte engadiu: “ademais consideramos que isto é un problema de saúde no que non debemos facer diferenzas, e xa que conseguir estes días máscaras é moi complicado, Acisa Ribadeo ofrecerase para que quen necesite estes materiais en concreto, poida recibilas sexa ou non socio. Os establecementos asociados recibirano nos seus negocios mediante reparto do noso persoal e os que non son socios deberán solicitalas previamente”.
No encontro mantido na xornada de onte, o presidente da patronal ribadense, transmitiulle ao deputado popular as súas peticións e inquedanzas: “preocúpanos moito como se vai a aplicar na realidade o plan de desescalada e as medidas que será obrigatorio tomar en función de cada sector, que aínda non están claras; e como van influír na economía local. É algo moi importante coñecer cales van quedar a longo prazo tras a fase tres de desescalada. Transmitinlle tamén a necesidade de mais axudas tanto para as pemes e autónomos como para a nosa entidade como colectivo dinamizador do comercio, hostalaría e turismo”.
Dende Acisa conclúen estendendo o seu agradecemento tamén a Jose Manuel Balseiro delegado territorial da Xunta de Galicia, pola súa disposición a manter unha reunión de traballo con representantes destes colectivos a semana que vén “na que trataremos en profundidade todos estes temas, e poderemos informarnos das actuais axudas que a administración autonómica ten en funcionamento co fin de comunicarllo a todos os nosos asociados e asociadas”.