Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ultima un plan de reactivación cultural e turístico dotado cun investimento de máis de 25 millóns de euros

 Lugo, 29 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia está ultimando un plan de reactivación autonómico para os sectores cultural e turístico, cun investimento de máis de 25 millóns de euros, co obxectivo de minimizar o impacto extraordinario que a parálise causada polo coronavirus supón na súa actividade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos representantes dos xeodestinos da Mariña Lucense, Ribeira Sacra e Ancares-Courel así como do xeoparque Montañas do Courel, na que se expuxo a situación de partida e se valoraron as medidas a adoptar.

O sector representaba o 10,4% do PIB e o 11% do emprego da Comunidade galega antes do inicio da crise do coronavirus.

Ertes sector turístico
Balseiro explicou que nas últimas semanas presentáronse na provincia de Lugo 1326 Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTES) procedentes de empresas do sector turístico, e todos foron aceptados excepto un; afectaron a 4830 traballadores, deles 4745 con suspensión de contrato e o resto con redución de xornada.

A este respecto cómpre lembrar que os traballadores afectados por ERTES que están pendentes do Goberno para cobrar as súas prestacións poden solicitar xa un anticipo á Xunta. O delegado apuntou que a Administración autonómica “tomou a iniciativa” para que as familias poidan dispoñer de liquidez de inmediato.

Reactivación do turismo
De cara á reactivación do turismo, o delegado afirmou que será clave “traballar na promoción de Lugo como destino seguro”, e entre as primeiras medidas subliñou o desenvolvemento dun Plan de seguridade hixiénico sanitaria para intensificar a confianza de traballadores e usuarios, ou o Plan de teleformación a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), que está a ser moi ben acollido polo sector, pois conta xa cunha quincena de cursos e máis de 2.000 inscritos.

Ao longo das últimas semanas, a Consellería de Cultura e Turismo recompilou as achegas de diversos axentes co fin coñecer as súas necesidades e telas en conta á hora de poñer en marcha as distintas iniciativas que formarán parte do Plan de Reactivación, dotado con fondos autonómicos e que será remitido a outras administracións para enriquecerse coas súas achegas. Neste sentido, será necesaria unha intensa colaboración público-privada para traballar no día despois, con medidas no curto, medio e longo prazo.

Balseiro lembrou que o Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico da Xunta deberá ir acompañado dun plan nacional, algo xa solicitado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Exit mobile version