Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta retoma as obras de mellora integral da estación de autobuses de Burela co pavimentado da dársena

 Burela, 14 de abril de 2020. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retomou as obras de mellora integral da estación de autobuses de Burela, nas que a administración autonómica inviste 72.000 euros.

Os traballos reinícianse unha vez levantadas as restricións que o Goberno central impuxo ás actividades non esenciais, entre as que estaban incluídas as obras públicas e de construción.

A Xunta continúa co impulso da programación prevista e, tras o fresado da dársena de aparcamento e circulación, executa agora o novo pavimentado deste espazo. As obras complementaranse cunha significativa mellora da cuberta e coa renovación completa da rede de recollida de augas pluviais.

Tamén está previsto mellorar a instalación eléctrica e renovar e repintar os espazos interiores, incluída a zona de aseos, así como outras actuacións nos elementos comúns como por exemplo mellora de interruptores, sistemas de peche, portas, tratamentos anticorrosivos e a dotación dun sistema de ancoraxe para as operacións de mantemento e limpeza de altura.

Para mellorar a experiencia dos usuarios da estación, aumentaranse os bancos na zona de agarda, instalarase un novo rótulo informativo que identifique as instalacións e novos paneis informativos.

Esta é unha das obras que, polas súas características, pode volver a poñerse en marcha, pero sempre gardando as debidas medidas de protección tanto individual como de organización do traballo, en esencia: utilizar as mascarillas e respectar as distancias.

Exit mobile version